Monday 23 de February de 2026

Marta Álvarez propón a adhesión de Santiago á Alianza de Cidades contra a Obesidade para afrontar o reto do sobrepeso e o sedentarismo


Pide avances neste proceso ante a celebración do próximo congreso nacional da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición prevista para outubro en Santiago

A concelleira non adscrita, Marta Álvarez, vén de reclamar avances na adhesión de Compostela á Alianza de Cidades contra a Obesidade, unha iniciativa liderada pola Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN), a través da súa Área de Coñecemento de Obesidade (ObesitySEEN).

A Alianza constitúe “unha plataforma de referencia para promover a prevención e o tratamento adecuado da obesidade e das súas múltiples complicacións” explicou Álvarez. A non adscrita xa presentara en maio do 2025 unha iniciativa, aprobada por unanimidade, para que o municipio se integrara nesta alianza, sen que, como denuncia, ata a data se produciran avances coñecidos.

“A obesidade é unha enfermidade crónica, multifactorial e progresiva cunha prevalencia en España do 63% da poboación adulta” advirte Álvarez, que sinala a factores como o sedentarismo, a inxesta masiva, o estrés e o aumento de enfermidades psiquiátricas como factores que contribúen a esta realidade.

Neste sentido, Álvarez, que é ademais enfermeira de profesión, insiste en que a adhesión á Alianza permitiría ao Concello acceder a materiais específicos de sensibilización e prevención, formar parte dunha plataforma de intercambio de experiencias con outros municipios, contar coa colaboración da SEEN na avaliación e difusión de resultados en saúde, e optar a becas e premios promovidos pola Fundación SEEN que recoñezan as mellores iniciativas en promoción da saúde.

Segundo sinala Marta Álvarez, esta iniciativa “encaixa plenamente” nunha das tres liñas estratéxicas do Plan Municipal de Saúde de Santiago, centrada na promoción dun estilo de vida activo e na práctica físico-deportiva como ferramentas fundamentais para combater o sedentarismo e o sobrepeso. Por iso preguntará por esta cuestión no vindeiro pleno municipal.

Deja un comentario