Sunday 22 de February de 2026

Gonzalo Muíños recoñece avances na negociación dos orzamentos pero cualifica de “irresponsable” a súa aprobación en xunta de goberno “sen pechar aínda os votos suficientes”


• As Non Adscritas din descoñecer o documento que finalmente aprobou o goberno local, e agardan aínda por documentación solicitada en reunións previas

• Muíños adianta unha revisión á baixa da previsión de ingresos por sancións de tráfico en 900 mil euros

Logo de que este venres a xunta de goberno local aprobara os orzamentos municipais para o 2026 como paso previo ao seu debate no pleno municipal, Gonzalo Muíños cualifica de irresponsable este avance xa que chega “sen pechar os votos suficientes que permitan a súa aprobación final”. Neste sentido, aínda que recoñece avances na negociación co executivo de Sanmartín ao amparo desas 20 propostas que as Non Adscritas presentaran ao inicio da negociación, recalca que descoñecen o expediente que finalmente foi aprobado “polo que non temos a certeza de que moitas das cousas das que estivemos falando neste tempo, estean contempladas”.

Unha delas é a revisión á baixa da previsión de ingresos por sancións de tráfico. O borrador presentado a mediados de xaneiro contemplaba un incremento do 173% dos ingresos en multas de tráfico coa instalación de novos radares. Deses 5,6 millóns de euros previstos no borrador inicial, as Non Adscritas xa conseguiron reducir en 900 mil euros a partida de ingresos “co obxectivo de dimensionala a unha vocación educativa máis que sancionadora”. Porén, Muíños recoñece que, descoñecendo o expediente que finalmente aprobou Sanmartín este venres, non pode confirmar aínda que esta diminución nos ingresos por multas se tivera recollido formalmente.

En calquera caso, Muíños non da por concluída a negociación dos orzamentos e critica que o goberno local optara agora “pola vía unilateral” aprobando as contas “sen ternos trasladado sequera toda a documentación que pedimos”. Aféalle, de feito, ao executivo de Sanmartín que tiveran que coñecer o detalle da relación de postos de traballo -RPT- a través dos sindicatos, a pesar de ter solicitado esta información en varias reunións. “Precisamente os sindicatos poñen o foco na falta de medidas estruturais para atallar a cuestión das horas extraordinarias de Policía e Bombeiros, incrementando a partida de gratificacións en lugar de priorizar a de creación de emprego” defende Muíños que sinala a importancia deste asunto “vista a crise sen precedentes que vivimos nos últimos meses do pasado ano”.

“A responsabilidade debe ser bidireccional”

Sobre o chamamento á responsabilidade que facía este venres a Alcaldesa aos grupos de oposición, Muíños insiste en que ésta debe ser “bidireccional” e “para poder esixila hai que practicala”. Neste sentido, aféalle a Sanmartín a falta de documentación solicitada e que aínda non se lle dera trasado ao seu grupo dun expediente “serio” con informes que acrediten e xustifiquen a instalación de novos radares: “dixémolo desde o principio, queríamos datos obxectivos que acrediten un incremento excesivo das velocidades dos vehículos que transcorren por eses lugares nos que queren instalar os radares ou que apunten a un incremento da sinistralidade”. Algo que, polo de agora, “non existe” critica.

Ademais disto e de non ter acceso á RPT, as Non Adscritas critican que das súas vinte propostas, moitos dos investimentos recollidos non estaban comprometidos nas conversas mantidas ata agora, “senón que se nos responde con proxectos e anteproxectos, pero nós o que reclamamos son actuacións e execución de obras”. Cita Muíños como exemplo a creación de beirarrúas en varios puntos de San Lázaro, a remodelación dos parques infantís da Trisca, Marrozos, Angrois ou na rúa Lisboa de Fontiñas e a reforma do centro sociocultural de Vidán, propostas que Muíños, Rosón, Castro e Álvarez levaron á negociación de orzamentos pero que non se comprometeron ata o de agora a executar no 2026, “senón a estudar e proxectar”.

“No caso dos parques infantís, por exemplo, non pode ser que se reserven só 150 mil euros, que non darían nin para unha reforma de calado dun só” critica Muíños. En calquera caso, as Non Adscritas aseguran que seguirán practicando o diálogo “ese diálogo que permitiu xa revisar á baixa os ingresos en sancións de tráfico” pero fai un chamamento a Sanmartín a volver á “senda da responsabilidade” da que, asegura, se desviou este venres.

Deja un comentario