Sunday 22 de February de 2026

O Concello destina 3,5 millóns de euros a axudas á rehabilitación en sete bloques residenciais da cidade, de 240 vivendas


Hoxe publicouse a relación de subvencións concedidas, que permitirá cofinanciar melloras en edificios de vivendas do Barrio das Flores, Labañou, Cidade Vella, Pescaría e O Ventorrillo

O Concello contribuirá a renovar o parque residencial da cidade con subvencións por un valor total de 3,5 millóns de euros, importe correspondente á última convocatoria de axudas á rehabilitación nos Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP), e que terá un impacto directo en bloques de vivendas no Barrio das Flores, Labañou, Cidade Vella-Pescaría e o Ventorrillo.

Esta liña de axudas, financiada con fondos europeos Next Generation, permitirá dar resposta a necesidades diversas das comunidades veciñais en materia de eficiencia enerxética, apostando, por exemplo, pola renovación de materiais e dos illamentos, tanto en cubertas como fachadas.
“Son actuacións que lles permitirán ás veciñas e veciños gañar en calidade de vida e confort no seu día a día”, expuxo a alcaldesa, Inés Rey, que apuntou á importancia de que todas as administracións públicas manteñan e reforcen esta liña de acción en materia de vivenda.

Neste sentido, as axudas destinadas aos ERRP permiten sufragar intervencións moi necesarias orientadas á sustentabilidade e ao aforro enerxético en bloques de vivendas que, nalgúns casos, se construíron hai máis de medio século. Por exemplo, as do grupo María Pita-

Labañou, que comezaron a edificarse entre os anos 50 e 60.
En relación á convocatoria de axudas máis recente, a do ano 2025, o Concello outorgou un total de 3,5 millóns en subvencións, destinados a bloques residenciais situados nas rúas Xeranios e Xirasoles (Barrio das Flores), María Luz Morales (Labañou), Antonio Pedreira Ríos (O Ventorrillo), Sinagoga (Cidade Vella) e Juana de Vega (Pescaría). Son, en total, sete edificios cun total de 240 vivendas.

A relación de inmobles receptores das axudas xa se pode consultar tanto na web do Concello como no Boletín Oficial da Provincia (BOP), nesta ligazón.

Deja un comentario