A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres para dar conta do proxecto de orzamentos que foi aprobado en Xunta de Goberno Local e destacou que o goberno presentará ao pleno, nunha reunión extraordinaria no mes de marzo, o que constitúe o terceiro proxecto orzamentario. Destacou que o goberno continúa consolidando os servizos, transformando a administración e mellorando a calidade do espazo público urbano e rural, cunha moi clara preeminencia dos obxectivos sociais.
Sanmartín Rei informou de que o orzamento sobe un 1,64% a respecto do de 2025 e supera os 148 millóns de euros (148.532.471,20). O montante consolidado coas entidades do sector público municipal ascende a case 152 millóns. Respecto aos ingresos, Goretti Sanmartín salientou que, un ano máis, o goberno dediciu non subir os impostos á veciñanza, máis alá da modificación aprobada para gravar as vivendas que permanecen baleiras e que non ten relevancia orzamentaria.
O incremento dos ingresos correntes, que suman 143.020.457,98 euros, débese á mellora na xestión recadatoria, que este ano continuará avanzando coa recuperación da cobranza do lixo por parte dos servizos municipais (ata agora facíase a través da factura da auga), a novos conceptos como a taxa de depuración que, na parte que corresponde á EDAR da Silvouta xa entra nas contas municipais, ou aos aparcadoiros do Ensanche que se recuperan para a xestión pública.
Por outro lado, a previsión de ingresos de capital sitúase en 2.455.013,22 euros e diminúe a respecto de 2025. Con respecto disto, Goretti Sanmartín detallou que este descenso se explica por dúas razóns. Por un lado, porque en 2025 se orzaron 5,8 millóns procedentes do alleamento de parcelas para vivenda protexida que, como é lóxico, xa non se recollen neste novo orzamento; e por outro, as transferencias de capital correspondentes ás axudas Next-Generation eran superiores ás que se consignan neste exercicio para os proxectos EDIL.
Goretti Sanmartín informou tamén de que existe unha limitación da posibilidade de recorrer ao crédito, establecida polas regras fiscais que impiden aos concellos subscribir endebedamento por encima da amortización do ano anterior, o que deixa este concepto en 2.972.000 euros, a pesar de que o Concello de Santiago está moi por debaixo do límite legal de débeda. En canto aos ingresos correntes, suman 143.020.457,98 mentres que os gastos correntes ascenden a 139.143.940,92, o que xera un aforro de máis de 3 millóns de euros que se dedican tamén a investimentos.
Máis cadro de persoal para atender servizos
O orzamento recolle un esforzo no capítulo de persoal, o capítulo I, para facer fronte ás melloras no cadro de persoal. Deste xeito, do total dos gastos (148.532.471,20 euros), o incremento máis salientable sitúase no capítulo I, próximo aos 46 millóns de euros, que responde ao aumento de prazas de persoal e tamén ás cantidades necesarias para facer fronte á valoración e ás modificacións da relación de postos de traballo en marcha, alén da suba retributiva prevista para todo o sector público ou o pactado a respecto de gratificacións por traballo fóra da xornada ou doutras demandas do persoal.
Neste capítulo están recollidas 5 novas prazas, resultado unha ano máis de ir ao máximo na taxa de reposición de efectivos, que permitirán aumentar en 3 efectivos a dotación da Policía Local ademais doutras dúas prazas de técnico/a especializado en xestión deportiva e programación web. O cadro de persoal recolle tamén a reconversión dos postos da antiga UMAD en 6 novos efectivos bombeiros, outros 5 postos para a administración xeral e 1 de traballo social.
Así, a rexedora municipal destacou que o Concello continúa “reforzando os servizos de seguridade e o funcionamento estrutural”. Ao respecto, destacou que, con este crecemento, o parque de bombeiros terá 71 postos de bombeiros (alén do apoio administrativo) e a Policía Local a 163 (tamén sen contar co persoal administrativo).
Servizos e investimentos
Goretti Sanmartín destacou que os orzamentos reservan importantes cantidades para a prestación de servizos públicos, cunha dotación de 70 millóns de euros (capítulo II), que en termos xerais medra un 5,65%: limpeza e recollida de residuos (14,1 millóns), o funcionamento da depuradora (4,2 millóns), o mantemento das áreas de xogo (412.000 euros) ou das zonas verdes (4,1 millóns), e SAF (6,3 millóns de euros), entre outras actuacións.
De xeito transversal, a área de gasto dedicada á proteccion social medra un 250 %. A modo de exemplo, referiuse ao aumento do contrato dos servizos educativos, que pasan de 5,4 a 6,8 millóns de euros, é dicir, unha suba de 1,3 millóns de euros para atender a comunidade escolar. Tamén se referiu a outros servizos como os 8,5 millóns de euros para transporte ou os 1,9 millóns para a actividade cultural organizada polo Auditorio.
Goretti Sanmartín destacou tamén o apoio ao tecido asociativo -veciñal, cultural, deportivo, económico ou social en xeral-, tanto da axudas de concorrencia como das nominativas, que suman algo máis de 2 millóns de euros.
No capítulo de investimentos (gastos de capital), o orzamento prevé 6,3 millóns de euros, que se completan con algo máis de 2,6 millóns de euros procedentes de baixas producidas en exercicios anteriores. Entre os investimentos, destacou a Casa dos Maiores (1.000.000 euros), a Factoría de Salgueiriños (315.793 euros), o colector da avenida de Lugo -(893.692,65 euros), a ampliación do alumeado (100.000 euros), novos parques (150.000 euros), vehículos para bombeiros ( 670.593,34 euros), actuacións na zona rural (1,9 millós), reformas no pavillón do Lamas de Abade (400.000 euros) e pavimentacións en vías urbanas (pavimentacións de vías urbanas (988.521,69 euros)




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.