A Deputación da Coruña e o Concello fan posible esta cita que pretende converterse nunha celebración, pero tamén nunha loita a prol dos dereitos das mulleres
Carballo acolle o sábado 7 de marzo o concerto Vacanal Sinfónica do coñecido grupo galego De Vacas, que ademais de conmemorar o seu décimo aniversario nos escenarios e vir a encher o Pazo da Cultura da mellor música, empregará “o sarcasmo, a ledicia e a diversión”, en verbas da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, para reivindicar a igualdade con motivo do 8M, Día das Mulleres. Suárez estivo na presentación desta actividade acompañada da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, da deputada de Igualdade de xénero, Sol Agra, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Todos quixeron subliñar que “a igualdade non pode converterse en algo estanco” senón que, segundo explica Ures, debe ser a “espiña dorsal” presente en todas as áreas de xeito transversal. Por iso, “nesta gran vacanal imos darlle a volta” a todas aquelas letras de cancións que sempre nos quixeron facer de menos, porque “se non sabes se algo é machista, dalle a volta a ver que che parece”.
A responsable do departamento de Igualdade de xénero da Deputación da Coruña, Sol Agra, resaltou que “o 8 de marzo non é só un día para celebrar, senón tamén para reivindicar” porque todavía “hai moito polo que loitar”. Para ela, Inés, Faia, Paula e Guillerme, os compoñentes de De Vacas, sempre representaron e revindicaron a mulleres fortes, e neste caso farano a través dun concerto “lúdico” e cheo de “retranca”. Pechou o acto o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, reflexionando sobre o papel dos homes na loita pola igualdade, porque “debemos darnos conta de que aínda temos eses michomachismos contra os que temos que loitar” e tamén porque “hai moito camiño por andar para acompañar a todas as mulleres” nas súas revindicacións.
De Vacas e Iria Pinheiro
A Concellaría de Cultura, dentro da programación estable do primeiro semestre do ano, Cultura con Forza, ten preparadas dúas actividades arredor da fin de semana do 8M. Precisamente o concerto de De Vacas, patrocinado pola Deputación da Coruña a través da área de Igualdade de xénero coa colaboración do Concello de Carballo a través das concellarías de Cultura e de Igualdade, é unha delas. O grupo presenta no Pazo da Cultura o seu novo espectáculo Vacanal Sinfónica, que conmemora o seu décimo aniversario. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández, acompañadas polo Coro da Rá, presentan unha proposta de gran formato con músicos en directo que revisa o seu repertorio nunha ópera en catro actos. Cancións, letras e vivencias desta década tan exitosa baixo unha escenografía impactante. Un concerto único con diversión, epicidade, vacanal… son as máximas para esta celebración chea de sorpresas e de colaboracións no escenario de artistas de gran renome no panorama musical galego. As entradas están á venda na Billeteira do Concello desde o venres 20 de febreiro a partir das 15.00 horas.
Por outro lado, o venres 6 de marzo a Concellaría de Cultura presenta o espectáculo Vitória, de Iria Pinheiro. A obra é o retrato dunha denuncia. Unha peza de teatro autobiográfico que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz cando interpuxo unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. Este espectáculo reconstrúe a historia que vai dende o 2017 a 2023 intercalando a documentación xudicial do proceso co xogo e a ironía características do cabaré. Iria Pinheiro, actriz e dramaturga, presenta unha proposta de teatro documental sobre reivindicación social e vulnerabilidade. A cita é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura, está dirixida a público maior de 12 anos e as entradas están xa dispoñibles na BILLETEIRA do Concello.
A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade tamén ofrecerá un programa de actividades específicas para conmemorar o 8M que se darán a coñecer proximamente e que seguirá fiel ao espírito de transversalidade na defensa dos dereitos das mulleres que permea todas as áreas do Concello de Carballo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.