O xurado do II Premio Bernardino de Lamas reunirase o martes
O xurado do II Premio Bernardino de Lamas, convocado polo Concello de San Sadurniño no marco do Chanfaina lab, reunirase o próximo martes, día 24 de febreiro, ás 18:30 horas na Casa da Xuventude para deliberar e escoller a persoa galardoada nesta segunda edición. O premio recoñece traxectorias destacadas no ámbito do cinema amador e entregarase o sábado 7 de marzo durante a gala das estreas do encontro audiovisual, que se celebrará na Casa da Cultura. A persoa premiada recibirá unha peza única: unha Lola da Cascarilla coa figura de Bernardino de Lamas, pseudónimo de Alfonso Piñón Teixido, considerado un dos pioneiros do cine galego.
O galardón rende homenaxe á figura do xornalista e escritor galeguista nado en Ferrol en 1887 e falecido en Madrid en 1973. Entre 1924 e 1935, Piñón Teixido filmou case trescentas bobinas en formato 9,5 mm, das que se conservan arredor de noventa na Filmoteca de Galicia. As súas imaxes, centradas en excursións, romarías, paisaxes e escenas cotiás, constitúen un valioso documento etnográfico e patrimonial, fiel ao seu espírito libre e alleo ás estruturas da industria cinematográfica convencional.
O Premio Bernardino de Lamas instituiuse o ano pasado no seo do Chanfaina lab coa vontade de recoñecer a unha persoa viva que manteña ese mesmo compromiso co cinema non profesional, entendido como creación por pracer e por amor á arte. O xurado valorará especialmente a independencia creativa, a coherencia dunha traxectoria ligada ao espírito amateur, a relación coa paisaxe, a cultura e a identidade galega, así como a afinidade co espírito libre e experimental do Chanfaina lab.
Na súa primeira edición -a de 2025- o premio recaeu no escritor, profesor e cineasta experimental Alberte Pagán, recoñecido pola súa prolífica e independente traxectoria, marcada pola reflexión crítica sobre a paisaxe e os conflitos sociais, políticos e ecolóxicos.
A escolla da persoa ganadora deste ano farase mediante deliberación entre as candidaturas propostas polas persoas integrantes do xurado, composto polo equipo de cociña do X Chanfaina lab: o alcalde, Secundino García Casal; a concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro; o técnico da área, Agustín Pérez Tenreiro; a parella promotora do Chanfaina, Carmen Suárez Nieto e Manolo González Álvarez; o youtuber local Fran Bermúdez Prieto; o actor e realizador Kevin Lorenzo Martínez Hernández; a divulgadora científica e creadora Ángela Arnosa Prieto; os membros de NaraioMedia Brianda García Álvarez, Brais Varela Romero e Tom Fraga Bouza e o fotógrafo e realizador Iago Lourido Calvo.
A entrega do II Premio Bernardino de Lamas será un dos momentos destacados da gala das estreas, que converterá a Casa da Cultura nun cine de sesión continua o sábado 7 de marzo. Ao longo da velada, que comezará ás 17:30h, proxectaranse 20 curtametraxes filmadas o pasado mes de setembro con motivo da décima edición do encontro audiovisual, organizado polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.