Sunday 22 de February de 2026

As mocións presentadas polo BNG e o PP centrarán o debate político no pleno ordinario de febreiro


A corporación municipal reunirase o luns 23 para abordar cuestións administrativas, económicas e ambientais, ademais de varias mocións de carácter político que, previsiblemente, centrarán o debate. Hoxe o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Planificación Urbana, Mobilidade e Policía, Juan Seoane, deron a coñecer os asuntos da sesión plenaria.

Entre os máis destacados figura a renovación do convenio entre o Concello de Carballo e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGSP) en relación cos procesos selectivos da Policía Local. A diferenza dos acordos asinados anteriormente, de forma conxunta co resto dos concellos adheridos, este novo convenio formalizarase de forma individual. O acordo permitirá seguir delegando os procesos selectivos do corpo policial, co obxectivo de simplificar a xestión administrativa. Segundo indicou o concelleiro de Policía, o sistema está a funcionar correctamente.

No ámbito económico, o pleno aprobará un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe aproximado de 74.000 euros, correspondente a facturas de exercicios anteriores que non foron presentadas dentro do prazo establecido. Tamén se dará conta dos informes periódicos de tesourería e intervención relativos ao cumprimento da Lei de morosidade e á remisión de datos ao Ministerio de Facenda, trámites habituais na xestión municipal.

En materia ambiental, someterase á aprobación un convenio marco de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para a xestión de residuos domésticos —envases lixeiros, papel e cartón—, un acordo de carácter ordinario entre administracións.

Tres mocións para o debate
O debate político centrarase nas mocións. O Partido Popular propón, por unha banda, a condena de actos vandálicos contra sedes da formación en Galicia. Desde o goberno local subliñouse que en Carballo non se teñen rexistrado situacións deste tipo e destacouse o clima de respecto institucional existente no municipio. Outra iniciativa do PP refírese á torre da nova vía do polígono, que xa fora obxecto dunha pregunta nunha sesión anterior á que se deron as explicacións correspondentes.

O BNG tamén defenderá unha moción na que solicita á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan de restauración ambiental para a mina de Monte Neme, tras a recente rotura dunha balsa, un episodio semellante ao acontecido en 2014. Aínda que en ambos casos os danos foron unicamente materiais, o alcalde expresou a preocupación do goberno municipal pola repetición dos feitos e reclama actuacións que garantan a seguridade da veciñanza das zonas próximas, especialmente en Razo.

A sesión completarase coa relación de resolucións da alcaldía, acordos da Xunta de Goberno Local e a habitual quenda de rogos e preguntas.

Deja un comentario