Sunday 22 de February de 2026

Alternativa leva a pleno as reclamacións veciñais de Vilaboa


Alternativa dos Veciños presentará no vindeiro pleno municipal diversas queixas e propostas recollidas tras as recentes visitas realizadas á parroquia de Vilaboa.

A formación considera que a xestión municipal está a desatender necesidades estruturais nunha das parroquias máis poboadas do municipio, ignorando as demandas da veciñanza.

Como exemplo, a recente intervención na Rúa Alcalde Domingo Sierra, cuxo resultado final presenta deficiencias técnicas e non se resolven os problemas existentes nin se axustan plenamente ao proxecto inicial, deixando sen resposta compromisos adquiridos coa veciñanza.

Así mesmo, Alternativa denunciará o abandono histórico da Sagrada Familia, que leva anos sen ningún investimentos significativos e conta con infraestruturas obsoletas que requiren actuación urxente. O grupo tamén advirte da falta de mantemento no Rueiro, a pesar de ser unha zona de enorme potencialidade estética e histórica, para a que reclama un plan de conservación e humanización que protexa a súa identidade.

En relación con Villa Melania, solicitarase a elaboración dun estudo de viabilidade para a súa transformación nun espazo de referencia para o lecer familiar e a cultura, así como a axilización dos trámites administrativos que permitan converter o edificio e a súa contorna nun patrimonio activo ao servizo da veciñanza.

Por outra banda, Alternativa trasladará as deficiencias detectadas na Praza da Igrexa, especialmente en materia de iluminación e mobiliario, que non garante a seguridade nin son un atractivo para as familias. Neste contexto, o grupo presentará unha proposta para destinar o quiosco actualmente pechado á creación dun espazo específico para a mocidade.

Alternativa anuncia que continuará coas visitas ás parroquias e recorda os seus canais de comunicación para recoller as inquedanzas veciñais a traves das redes sociais e do correo electrónico culleredo@alternativadosvecinos.org

Deja un comentario