O evento celebrarase o vindeiro venres, 27 de febreiro, ás 17 horas e contará coa participación de dúas gañadoras do Premio de Poesía Filomena Dato
Esta homenaxe enmárcase dentro do ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, impulsado polo Concello
O Concello de Bergondo, en colaboración coa Asociación de Veciños e Veciñas de Moruxo, renderá unha sentida homenaxe á escritora Filomena Dato Muruais (1856-1926) o vindeiro venres, 27 de febreiro. O acto terá lugar ás 17 horas no Cemiterio de Moruxo, lugar onde descansan os restos da autora, da que este ano se conmemora o centenario do seu falecemento.
Este acto enmárcase dentro da programación do ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, iniciativa coa que o Concello de Bergondo rende tributo durante todo este 2026 a dous das figuras literarias máis relevantes vinculadas ao municipio.
A homenaxe en Moruxo contará cun marcado carácter poético. Nel participarán varias gañadoras do Premio de Poesía Filomena Dato, certame impulsado polo Concello: Natalia Alonso, gañadora do III Premio, e Marta Dacosta, gañadora do IV Premio. A elas sumarase a participación de Dores Tembrás, do editorial Apiario, que xunto ao Concello organiza o certame poético. O evento estará amenizado pola Agrupación de Música Tradicional de Bergondo e realizarase unha ofrenda floral.
Filomena Dato, unha figura crave do Rexurdimento e o feminismo
Coñecida como “a poetisa dás Mariñas” –alcumo que lle outorgou o propio Alejandro Pérez Lugín–, Filomena Dato naceu en Ourense e pasou os últimos anos da súa vida en Moruxo. A súa figura é clave na literatura galega, sendo a segunda muller, tras Rosalía de Castro, en publicar un libro integramente en galego, titulado ‘Follatos’.
Na década de 1880, erixiuse como unha das voces máis destacadas do feminismo galeguista e un piar fundamental do movemento literario do Rexurdimento. Nos seus escritos e discursos, reivindicou o protagonismo das mulleres, especialmente das clases populares. Un claro exemplo do seu compromiso é o extenso poema ‘En defensa dás mulleres’, galardoado en 1887 , onde con máis de 400 versos rebateu os prexuízos da época e defendeu os méritos femininos. No ano 1906, coincidindo coa fundación da Real Academia Galega, foi nomeada académica correspondente.
O Concello de Bergondo reafirma con esta homenaxe o seu compromiso por manter en vigor a figura histórica e literaria de Filomena Dato, impulsando a creación poética en galego a través do premio que leva o seu nome e que neste 2026 alcanza a súa sexta edición.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.