Xa se mantiveron encontros coa FEGAMP, o COAG, o COSITAL e os Rexistradores da propiedade
A Xunta de Galicia intensifica a colaboración cos colexios profesionais para enriquecer o regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia. Trala rolda de encontros mantidos nos últimos días coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG); os Colexios Provinciais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL); e o Colexio de Rexistradores de Galicia, a vindeira semana están previstas dúas novas citas para seguir avanzando na consecución dun novo marco urbanístico de consenso e realista.
O próximo luns, día 25, celebrarase unha nova reunión de traballo co Colexio de Arquitectos de Galicia para continuar co traballo iniciado no encontro do pasado 15 de abril, no que se analizaron as 92 alegacións presentadas por este colectivo ao documento durante a exposición pública que rematou o pasado 19 de marzo.
En dito encontro, a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo convidou ao COAG a presentar novas achegas coas que enriquecer o Regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia, e acadar un marco urbanístico que sirva de ferramenta para dotar dun planeamento de calidade á totalidade dos concellos galegos.
Á petición da Xunta, a FEGAMP convidou ás administracións locais a unha xuntanza técnica de traballo que se celebrará o mércores, día 27, na Cidade da Cultura. Desde a Xunta son moitas as expectativas postas na celebración deste encontro por tratarse dunha oportunidade de escoitar de primeira man aos axentes municipais que interveñen na transformación do solo, e aos cales o novo regulamento facilitará considerablemente o seu traballo.
Está previsto que máis de 60 técnicos municipais presenten as súas achegas ao regulamento directamente á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e aos técnicos que están a traballar no documento.
É preciso recordar que a nova Lei do Solo é a primeira da historia de Galicia co seu propio regulamento, redactado polo mesmo persoal técnico da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que previamente redactou a nova Lei do Solo 2/2016. Asemade trátase dun regulamento integral, que inclúe: xestión, planeamento e disciplina, o que facilitará considerablemente aos técnicos o traballo de aplicación xa que unifica e modifica aos tres regulamentos anteriores: os Regulamentos estatais de xestión e planeamento, ambos vixentes dende 1978, e o Autonómico de disciplina, aprobado en 1999.