Thursday 19 de February de 2026

Villaverde presenta en Outes o proxecto para a renovación do Porto da Barquiña


A Xunta ten en licitación as obras dentro dun contrato global por importe de 640.000 euros para a mellora de pantaláns nunha decena de peiraos autonómicos

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou esta mañá no porto da Barquiña, no municipio coruñés de Outes, o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira desta instalación. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros.
Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Outes o alcance desta actuación que beneficiará ao porto da Barquiña así como aos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto no porto da Barquiña actuarase sobre o conxunto das instalacións flotantes, incluíndo o pantalán e as pasarelas fixa e articulada. Esta actuación dará servizo tanto ás embarcacións profesionais como deportivas que desenvolven actividade neste peirao.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.

Edificio náutico do Freixo

Durante a súa visita a Outes, a conselleira do Mar anunciou tamén que Portos de Galicia outorgou esta mesma semana unha concesión a favor do Concello de Outes para a xestión do edificio de servizos náuticos do porto do Freixo. Deste xeito, a administración local recuperará a xestión deste inmoble no que Portos de Galicia investiu 500.000 euros para dotar a esta dársena dunha instalación que facilite e promova a práctica de deportes náuticos.

Tal como recolle a lei, a concesión contará cunha bonificación do 100% das taxas pola ocupación do solo portuario dadas as actividades que acollerá e a súa xestión por parte doutra administración pública.

Deja un comentario