O programa ‘Summon the Heroes’ interpretarase o vindeiro venres 27 de febreiro
A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá o vindeiro venres 27 de febreiro, ás 20.00 horas no Palacio da Ópera, un concerto especial no que interpretará as mellores composicións de John Williams. Baixo o nome ‘Summon the Heroes’, a OSG ofrecerá un programa dedicado ao compositor de bandas sonoras máis laureado.
O concerto contará coa narración do actor de doblaxe Salvador Vidal, e combinará música e cinema para percorrer o universo sonoro de Williams desde unha perspectiva cercana e narrativa. “A nosa alcaldesa, Inés Rey, encomendounos a diversificación da oferta musical da OSG, apostando por chegar a novos públicos con programas que exploren colaboracións estratéxicas e repertorios populares como o de John Williams”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Salvador Vidal é coñecido por poñer voz en español a intérpretes como Liam Neeson ou Ed Harris. Conducirá ao público a través dun guión de Jordi Cos, reivindicando a idea da música como gran heroe. O repertorio incluirá algunhas das bandas sonoras máis recoñecibles e emocionantes do compositor, con títulos como ‘Summon the Heroes’, ‘Munich’, ‘Tiburón’, ‘El patriota’, ‘ Harry Potter’, ‘Jurassic Park’, ‘1941’, ‘La lista de Schindler’, ‘Encuentros en la tercera fase’ e ‘Star Wars’.
As entradas están á venda a partir de 14 euros a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense e na billeteira do propio Palacio da Ópera.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.