Trátase dunha iniciativa que se iniciou con grande éxito en abril do ano 2023
Os obradoiros, impartidos por Montse Rivera, desenvolveranse nos meses de marzo e abril
O Concello de Ribeira abriu o prazo de inscrición para unha nova edición dos obradoiros culturais “Cóntoche un traxe”, iniciativa impulsada desde o Museo Municipal do municipio co obxectivo de dar a coñecer á rapazada o traxe tradicional galego representado na sala.
Este programa, nacido xa no mes de abril do 2023, fai mostra dunha viaxe no tempo para coñecer dunha maneira sinxela, orixinal e dinámica como era o vestiario dos nosos antepasados. Para iso, cóntase cunha narración acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa, de poemas de grandes artistas da literatura galega nos que se alude ás referidas pezas, proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materiais cos que se fabricaban esas teas.
A actividade, impartida por Montse Rivera, tamén contempla probar as distintas pezas de roupa e mesmo que os alumnos rematen vestidos como o facían os seus tataravós.
O prazo de inscrición xa se atopa aberto e rematará o 10 de marzo a través do enderezo electrónico museo@ribeira.gal e vai dirixido a todos os centro educativos do municipio e para un público entre os 6 e os 14 anos. Os talleres, que non poderán superar os 25 participantes, desenvolveranse nos meses de marzo e abril cunha duración aproximada dunha hora por sesión.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.