O responsábel local, Juan David Sixto, lembra que, ademais dos problemas para as persoas usuarias, existe unha comunicación de risco laboral.
O responsábel local do BNG, Juan David Sixto, participou nunha concentración para demandar solucións, unha vez máis, ao “lamentábel estado en que se atopa o Centro de Saúde, en risco tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras”. Xunto a Sixto, manifestaron a mesma demanda representantes do BNG como a deputada Iria Carreira e representantes de CIG-Saúde (convocante da concentración), así como persoal do Centro de Saúde e persoas usuarias.
O BNG de Santa Comba lamenta que, a pesar das reiteradas denuncias públicas e iniciativas presentadas tanto no Concello como no Parlamento Galego, o Centro de Saúde “continúa a estar en condicións lamentábeis que poñen en cuestión tanto o propio goberno municipal como ao goberno da Xunta xa que, como se ve, desatenden unha infraestrutura básica e descoidan tanto á veciñanza como ás persoas traballadoras”.
Ás reclamacións do BNG súmase á que a CIG dirixiu recentemente á xerencia da Área Sanitaria de Compostela e Barbanza na que lembran que existe unha comunicación de risco laboral detectado. A comunicación foi remitida ao concello de Santa Comba e versaba sobre as deficiencias nos equipos e nas instalacións por incumpriren a normativa e xeraren riscos engadidos, ademais dun informe específico sobre a sala de caldeiras. Engadiuse tamén unha proposta de requirimento por parte da Inspección de Traballo para que se solucionen os problemas. Polo de agora, non houbo ningunha reacción por parte das institucións implicadas.
12º intolerábeis
Nunha visita realizada o 4 de febreiro, representantes da CIG explicaron que os 12ºC do Centro de Saúde son “totalmente intolerábeis” e afectan tanto á capacidade asistencial e ao benestar de persoas traballadoras como ao das usuarias. Ademais, urxiran, segundo destacaron, máis persoal de Servizos Xerais e solucionar os fallos detectados na instalación eléctrica que supoñen riscos engadidos nas instalacións. Até o momento non houbo ningunha actuación de mellora
O portavoz municipal do BNG, Juan David Sixto, insiste en que “Santa Comba merece uns servizos públicos de calidade e o BNG esixe as melloras necesarias no centro de saúde” e lamenta a “inoperancia dun goberno municipal que dá as costas a veciñanza do concello”.
Repiten que xa denunciaron en distintas ocasións os graves problemas do Centro, as deficiencias na climatización que o fan insoportábel non só no inverno polo frío senón tamén no verán polo calor, as eivas do mobiliario e a escaseza de espazos que fan moi difícil a actividade sanitaria, polo que esixiu que se executasen as accións necesarias e mesmo unha reforma integral ou a construción un novo edificio dado o grao de deterioro do actual.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.