Thursday 19 de February de 2026

O Concello de Frades organiza saídas ao Hotel Balneario Compostela todos os martes de marzo


O Concello de Frades convoca o “Mes da saúde”, un programa que inclúe catro xornadas no Hotel Balneario Compostela (Brión) que terán lugar os martes 3, 10, 17 e 25 de marzo. O prezo é o mesmo que en anos anteriores, 65 euros, e a admisión terá lugar por rigorosa orde de inscrición de forma presencial no Concello ou a través da sede electrónica. En todo caso, terán preferencia as persoas empadroadas en Frades.

 

Para desprazarse ata o Hotel Balneario Compostela, o Concello de Frades porá un autobús a disposición das persoas participantes, que sairá da Grabanxa ás 15:00 horas e as recollerá polas distintas parroquias. Os veciños e veciñas participantes deberán levar traxe de baño, chancletas e gorro de piscina. Para a celebración da actividade é preciso xuntar un grupo mínimo de 25 persoas.

 

O alcalde en funcións e concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, destaca  que “este tipo de actividades son moi positivas e valoradas pola veciñanza xa que, por unha banda, a hidroterapia achega múltiples beneficios físicos e psíquicos, ademais de favorecer as relacións sociais nunha contorna de relaxación”. Entre outros servizos, os maiores de Frades terán á súa disposición piscinas dinámicas con chorros, contracorrentes, camas de auga, jacuzzi, asentos de burbullas, duchas bitérmicas e de aromas, circuíto circulatorio de pernas e unha sala de relax con mármores quentes.

Deja un comentario