Numerosos veciños e veciñas de Santa Cruz e Perillo dirixíronse no día de hoxe ao Concello para denunciar novos problemas no servizo de transporte público esta mesma mañá. Tal e como comunicaron, o bus que tería que pasar por Santa Cruz sobre as 7:20 horas non apareceu e o seguinte chegou a Santa Cruz xa cheo… Así, tiveron que agardar na parada máis dunha hora, ata as 8:20, para poder coller un bus.
Este tipo de deficiencias son constantes no servizo de transporte público na comarca da Coruña, tal e como leva denunciando meses o Concello de Oleiros. A Xunta de Galicia mira cara outro lado, afirmando que o servizo é unha marabilla para protexer unha e outra vez á empresa concesionaria. Por que esa conivencia?
É un insulto á cidadanía que por parte do Goberno autonómico se tolere esta situación nun servizo imprescindible para milleiros de persoas. A Xunta está a contribuír a un incremento do uso dos coches privados, o que supón máis colapsos circulatorios nunha comarca cun importante déficit de infraestruturas viarias para os accesos á cidade.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.