O Concello de Neda impulsa a semana que vén tres xornadas de portas abertas na Escola infantil municipal Os Pelegríns. A iniciativa busca dar a coñecer ás familias este centro de atención socioeducativa, semanas antes da apertura do prazo de pre-inscrición de novo alumnado de cara ao curso académico 2026-2027.
Unha vez deixado atrás o Entroido, os pais e nais con fillos e fillas, de entre os tres meses e tres anos, terán a oportunidade de coñecer de preto o principal servizo socioeducativo do Concello para favorecer a conciliación de vida familiar e laboral, ver as instalacións da escola, saber como é o día a día, e coñecer o seu proxecto educativo.
O persoal do centro, situado no Empedrón, recibirá o martes 24, ás 16 horas; o mércores 25, ás 10 horas; e o xoves 26, a partir das 16 horas, a todas as familias que se acheguen na procura de información da escola infantil, que manterá a súa gratuidade.
O centro funciona os doce meses do ano cun horario continuado que abarca de 8 a 16 horas (conta con cociña propia e comedor), e ofrece as posibilidades de xornada completa, media xornada e xornada reducida, segundo as necesidades das familias.
Durante a primeira quincena de marzo estará aberto o prazo para que o alumnado actual solicite a reserva de prazas. Posteriormente, activarase o período de pre-inscrición para novo alumnado.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.