Dende a formación nacionalista salientan o feito e que os orzamentos municipais aínda non estean presentados nin en vigor, como síntoma inequívoco da mala xestión.
O Bloque Nacionalista Galego local ven poñendo de manifesto nas últimas sesións plenarias o deterioro na calidade das xestións que son reponsabilidade de goberno como son as obras mal executadas, o retraso das mesmas e, como colofón, a inexplicábel razón da inexistencia de orzamentos anuais municipais cando estamos a piques de rematar febreiro.
A súa portavoz, Carolina Castiñeiras, declarou que “non hai excusa para que un goberno municipal en maioría non teña cumprido coa sua obriga de presentalos e aprobalos antes de final de ano”, e recordou que “xa o ano pasado houbo retraso e aprobáronse os orzamentos comezado o novo ano, porén”, continuou Carolina, “fomos comprensivos ca súa explicación de que se tiñan que incorporar a el proxectos de moita envergadura e orzamento, como as obras de rehabilitación da casa consistorial e o edificio interxeracional. Mais este ano non hai nada disto”.
Dende o BNG din ser conscientes da situación que se está a vivir no concello coa suma de varias baixas entre o funcionariado, mais isto, lonxe de servir como excusa o que fai é evidenciar a nula capacidade de xestión do goberno municipal. Así, a organización nacionalista cuestionou o labor do goberno do concello: “se as cousas se fan a última hora ou fóra de prazo, se non se dan executado as obras, se todo é culpa da falta de funcionariado, daquela para que serve o goberno? Como poden vender ao electorado que son bos xestores se agora se demostra que todo o funcionamento deste concello depende do persoal traballador?”
A lider da oposición fixo un repaso dos ”fracasos” da xestión: “perdéronse subvencións da Deputación e outras moitas son rexistradas ao límite, como no caso dos POS, aprobándose en pleno minutos antes do remate do prazo”. Segundo Castiñeiras, “as obras públicas tardan mais de un ano en comezar desde que se licitan, o cal xa se fai con moito retraso tamén, e despois eternízanse na execución e nin sequera quedan ben, tendo que ser arranxadas nun par de anos, como no caso das pistas polideportivas descubertas de Leborís”. Carolina rematou a súa intervención manifestando que “por iso nos parece ben, como un mal menor, que os cartosque se achegan dende o Plan único da Deputación, de xestión nacionalista no bioartito provincial, se destinasen a gasto corrente, polo menos sabemos que eses cartos se investirán no funcionamento do día a día do concello, xa que se demostra que son incapaces de xestionar un volume de obras por importe dun millón de euros”.
Finalmente, dende o BNG instaron o goberno municipal a presentar canto antes os orzamentos municipais, ferramenta indispensábel para a xestión do municipio e para que a veciñanza saiba en que se van investir os cartos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.