O Concello publica a proposta do xurado do concurso para planificar a fachada marítima da Pobra do Caramiñal de forma estratéxica e sostible, grazas á colaboración coa Fundación RIA e o COAG, e ao financiamento da Fundación MOP.
O equipo formado por María Fandiño e LandLab obtén a máxima puntuación, grazas a unha proposta que traballa con delicadeza entre distintas escalas e reforza a continuidade entre vila e mar.
O Concello da Pobra do Caramiñal anuncia hoxe a proposta gañadora do xurado do concurso para planificar a fachada marítima da Pobra do Caramiñal, que guiará a redacción dun novo plan director desta contorna. O proceso, desenvolvido en fase única e baixo anonimato, contou coa coordinación técnica da Fundación RIA, o apoio administrativo e legal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o financiamento do concurso da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP).
A proposta gañadora, presentada polo equipo formado por María Fandiño e LandLab, foi escollida coa máxima puntuación entre as 15 candidaturas recibidas. Baixo o lema «Beiras da Caramiña», a proposta formula unha intervención delicada e mesurada, cunha aproximación moi coidada ás distintas escalas de traballo e cunha clara viabilidade técnica.
A proposta mantén unha imaxe integradora da identidade da vila sen renunciar á potencia transformadora da actuación, conciliando patrimonio, espazo público e actividade produtiva nun marco flexible e evolutivo.
O xurado —presidido polo alcalde da Pobra do Caramiñal e integrado por Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos), Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos); Ana Fernández, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; o arquitecto municipal, Carlos Bóveda; e con Adrián Juan Márquz Caramés como secretario do xurado— recoñeceu a coherencia arquitectónica da proposta e a súa capacidade para establecer unha estratexia clara para o futuro da fachada marítima.
Como resultado do proceso, o equipo gañador recibirá un premio de 20.000 € a conta da adxudicación do contrato para a redacción do Plan Director. Os equipos finalistas —Javier Rocamonde e Rodríguez + Pintos arquitectos— recibirán un premio de 8.000 € e 5.000 € respectivamente en recoñecemento ao seu traballo.
Nas páxinas seguintes amplíase esta información con maior detalle.
O proxecto gañador do concurso
«Beiras da Caramiña» é a proposta seleccionada polo xurado para guiar a transformación da fachada marítima da Pobra do Caramiñal. Escollida coa máxima puntuación entre as 15 candidaturas presentadas, a proposta do equipo formado por María Fandiño e LandLab destaca pola súa aproximación delicada e mesurada a un ámbito de gran complexidade urbana, territorial e institucional.
O xurado valorou especialmente a súa capacidade para traballar con coidado entre as distintas escalas de intervención —desde a estrutura xeral da fronte marítima ata o detalle do espazo público— formulando unha estratexia viable e desenvolvible por fases.
Un dos aspectos máis recoñecidos foi a maneira na que a proposta integra o tecido existente, mesturándoo a cada paso de xeito perpendicular coa linearidade da fronte marítima. Esta operación permite que a fachada non funcione como límite, senón como elemento que penetra no interior do tecido histórico, reforzando a continuidade entre vila e mar. A proposta mantén unha imaxe integradora da identidade da Pobra do Caramiñal, sen renunciar á potencia transformadora da actuación. A intervención formula un marco flexible capaz de ordenar mobilidade, espazo público e actividade portuaria, garantindo ao mesmo tempo o funcionamento do mercado semanal e a vida cotiá da vila.
«Beiras da Caramiña» propón así unha visión estratéxica que combina respecto polo existente e capacidade de proxección futura, establecendo as bases para un Plan Director que poida orientar a evolución da fachada marítima nos vindeiros anos. O equipo formado por María Fandiño e LandLab conta cunha traxectoria consolidada en proxectos de planificación urbana e intervención en espazos litorais. Entre os seus traballos recentes destaca a proposta gañadora do concurso para a transformación da fachada marítima de Bueu.
Imaxe da proposta gañadora do concurso, baixo o lema «Beiras da Caramiña».
Un espazo estratéxico para A Pobra do Caramiñal
O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA no ano 2018, en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que puxo o foco na estrada AC-305 e a súa afección ao tecido urbano da Pobra do Caramiñal e outras vilas da contorna. Como resultado deste traballo previo, elaboráronse os pregos técnicos que sustentan a presente convocatoria, nos que se define o ámbito de intervención e os criterios clave que guiaron as propostas.
O espazo de intervención abrangue desde a Ponte de San Antonio, ao sur do núcleo urbano, ata a estación de autobuses e o porto comercial, ao norte. Neste tramo de litoral concéntranse numerosos elementos clave: zonas portuarias, espazos verdes, equipamentos públicos, vivenda, tráfico de paso e o mercado semanal, que cada mércores transforma radicalmente o funcionamento da vila.
A partir da análise realizada, definíronse diversas estratexias que buscan aproveitar os potenciais identificados e abordar as deficiencias detectadas no ámbito do concurso. En termos xerais, o obxectivo é asegurar que o espazo sexa útil para a veciñanza, satisfacendo as necesidades básicas do lugar tanto nos días nos que se celebra o mercado como nos que non, preservando en todo momento a identidade da contorna. Para iso, as propostas deberán atender ás seguintes estratexias:
― Mobilidade
― Ordenación do espazo público
― Infraestrutura verde e azul
― Enerxía e circularidade
― Implicación de axentes
― Fases
A actuación pretende establecer un marco de traballo que, alén de mellorar este ámbito concreto, permita desenvolver propostas aplicables noutros contextos portuarios con problemática semellante, reforzando a capacidade das administracións locais para activar procesos de transformación sostible e integradora.
Gobernanza do proxecto
A colaboración entre axentes resulta esencial nun ámbito complexo como o da fachada marítima, onde conflúen solo urbano, portuario e infraestrutura viaria. Este enfoque integral permite garantir a viabilidade técnica, administrativa e institucional das propostas e reforzar a capacidade da administración local para acometer procesos de transformación urbana.
― O Concello da Pobra do Caramiñal impulsa o concurso como administración pública encargada da planificación do municipio, da xestión dos equipamentos municipais e da promoción do desenvolvemento local.
― A Fundación RIA coordina a convocatoria e achega o apoio técnico ao proceso, participando tamén na comunicación pública do concurso. Foi a entidade responsable de elaborar o documento base da convocatoria, a partir do traballo iniciado en 2018 en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para analizar a integración da estrada AC-305 nos núcleos urbanos da comarca.
― Desde 2024, a Fundación MOP colabora coa Fundación RIA no financiamento de recursos humanos, técnicos e económicos que permiten apoiar a concellos na planificación de proxectos estratéxicos. O obxectivo é establecer referentes de boas prácticas mediante o desenvolvemento de estudos previos e a elaboración de bases técnicas que fagan posible a convocatoria de concursos de arquitectura e urbanismo.
― O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) colabora coas administracións e entidades privadas coa vocación de servir de plataforma permanente de diálogo, traballo e intercambio de propostas para garantir os dereitos dos arquitectos nos concursos, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico e xurídico. Neste concurso achega a súa experiencia e colabora na redacción da documentación administrativa e no desenvolvemento do proceso, asumindo a coordinación legal e a supervisión dos procedementos. Tamén acompaña ao Concello na organización das visitas á zona da fachada marítima e ofrece respostas ás consultas dos arquitectos participantes.
Ademais das entidades impulsoras, o proceso conta coa implicación doutras administracións clave para a súa viabilidade, como Portos de Galicia, titular de boa parte dos terreos do ámbito; e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), responsable da estrada AC-305, cuxa integración resulta fundamental para a ordenación da fachada marítima.
Bases do concurso
Esta convocatoria publicouse como procedemento aberto, en fase única e baixo anonimato, para seleccionar a proposta que sirva de base para a redacción do Plan Director da fachada marítima da Pobra do Caramiñal.
Permitiuse a participación de persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, así como unións temporais de persoas profesionais, que cumpran cos requisitos establecidos na Lei 38/1999 de Ordenación da Edificación. A convocatoria require acreditar a titulación habilitante en arquitectura ou enxeñaría de camiños, canais e portos.
Tras a resolución do concurso, outorgaranse premios aos tres equipos finalistas como recoñecemento do seu traballo:
―Premio de 20.000€ para o equipo gañador, a conta da adxudicación do contrato ulterior para a redacción do plan director, cun contrato valorado en 50.000 €
―Premio de 8.000€ para o segundo equipo
―Premio de 5.000€ para o terceiro equipo
O xurado que avaliou as propostas está composto por profesionais cunha ampla traxectoria e recoñecemento no ámbito da arquitectura e da enxeñaría, así como por representantes das administracións implicadas.
―José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal, como presidente do xurado
―Carlos Bóveda, arquitecto municipal da Pobra do Caramiñal
―Ana Fernández, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia
―Alfonso Salgado, arquitecto e cofundador do estudio Salgado e Liñares
―Elizabeth Abalo, arquitecta e cofundadora de Abalo Alonso Arquitectos
―Marcial Rodríguez, arquitecto e cofundador de RVR Arquitectos
―Adrián Juan Márquez, secretario do xurado



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.