— Ángeles Vázquez explica que o fin último destes apoios é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna
— Esta orde de axudas, cun orzamento de preto de 2M€, divídese en dúas liñas: unha destinada a financiar actuacións en reservas de biosfera de Galicia e outra, a Rede Natura e parques naturais
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe a concellos, entidades e particulares a solicitar as axudas da Xunta para a preservación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos da Comunidade.
Logo de explicar que xa está aberto o prazo de solicitudes -ata o vindeiro 11 de marzo-, a conselleira indicou que, co obxectivo de simplificar a facilitar a tramitación destas axudas, este ano unificáronse os apoios nunha única orde que inclúe actuacións en espazos dos seis parques naturais galegos, de reservas de biosfera e Rede Natura 2000.
Durante a súa visita á praia da Seaia, en Malpica de Bergantiños, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, Ángeles Vázquez explicou que o fin último destes apoios é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.
En concreto, entre as actuacións subvencionables están as accións de control e eliminación de especies exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos sobre a fauna derivados das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos ou campañas de concienciación ambiental.
Tamén poden recibir axudas actuacións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional -pallozas, hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, muíños, alvarizas, terrazas de pedra ou bancais-.
A orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.
Dúas liñas de axudas
Cómpre indicar que esta orde de axudas se divide en dúas liñas. Unha está destinada a financiar actuacións en reservas de biosfera de Galicia e ten como posibles beneficiarios administracións públicas e entidades asociativas que sexan órganos de xestión destes espazos.
A outra liña de axudas financiará actuacións na Rede Natura ou nalgún dos seis parques naturais que hai en Galicia. Neste caso, os destinatarios son concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nestes espazos naturais protexidos; asociacións ambientais sen ánimo de lucro; persoas físicas e empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas. As actuacións subvencionables deberán desenvolverse nestes espazos protexidos ou en zonas limítrofes fóra deles, pero localizados en parroquias incluídas parcialmente neles.
Actuacións en Malpica de Bergantiños e A Laracha
No caso da actuación acometida en Malpica de Bergantiños, que hoxe visitou a conselleira, o Concello recibiu unha achega de 30.000 euros para a substitución os elementos danados na área recreativa da praia da Seaia. En concreto, colocáronse novas varandas de madeira seguindo o trazado e deseño anteriores, e creouse unha nova escalinata no acceso.
Esta tarde a conselleira, xunto coa delegada territorial, tamén visitará o sendeiro do Saldoiro, en Caión, no Concello da Laracha, onde, ao abeiro dunha axuda de preto de 30.000 euros, se substituíu o pavimento deteriorado por outro de xabre duns 700 metros de lonxitude.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.