A festa infantil de disfraces terá lugar no polideportivo da Tomada ante a mala previsión meteorolóxica
O tradicional desfile de disfraces e carrozas previsto para o martes 17 de febreiro tivo que ser aprazado ao venres 20 polas malas previsións meteorolóxicas
O Concello da Pobra do Caramiñal dará esta fin de semana o pistoletazo de saída á programación do Entroido 2026, que conta cun amplo abano de actividades pensado para todos os públicos.
Mañá, sábado 14 de febreiro, Os Encerellados animarán as rúas da vila desde as 12.00 horas. Xa pola tarde, ás 19.30 horas, Troula Animación irá desde o Cantón da Leña ata os Xardíns de Valle-Inclán co seu espectáculo ‘Lume’. A troula rematará na praza Alcalde Segundo Durán cunha gran festa de disfraces amenizada pola disco móbil Chinhamusic.
O domingo, día 15, celebrarase a gran festa infantil de Entroido no polideportivo da Tomada ante a mala previsión meteorolóxica. Do mesmo xeito, haberá inchábeis, obradoiros, chocolate con churros e un concurso dirixido a crianzas de ata 12 anos que repartirá 800 euros en premios.
O tradicional desfile de disfraces e carrozas, inicialmente previsto para o martes 17 de febreiro, tivo que ser aprazado ao venres, día 20, polas malas previsións meteorolóxicas.
No desfile participarán as comparsas ‘Samieira’, ‘Os da caña’, ‘As sonecas’ e ‘Cor Café’. O percorrido comezará na Covecha e rematará na rúa Castelao, no colexio Fernández Varela, onde se levará a cabo o concurso.
Todas as carrozas inscritas recibirán un premio de 200 euros por participar, ata un máximo de sete. No suposto de que o número supere esta cifra, a cantidade prevista repartiríase de maneira proporcional entre elas.
En canto aos premios, na categoría de carrozas repartiranse 1.850 euros: 800 para o primeiro clasificado, 500 para o segundo, 300 para o terceiro e 250 euros para o cuarto. Na categoría de grupos os premios sumarán 1.450 euros, con 500 para o primeiro, 400 para o segundo, 300 para o terceiro e 250 para o cuarto. Para parellas e disfraces individuais destinaranse 775 euros, con premios de 250, 200, 175 e 150 euros.
A programación continuará a fin de semana seguinte co Enterro do Filipiño o sábado, día 21, e o Domingo de Piñata o día 22.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.