Thursday 19 de February de 2026

Barral destacou en Castiñeiras a mellora servizos para a parroquia acadando 680.000€ de investimento


A parroquia de Castiñeiras acolleu a última das reunións “Parroquias con Voz” desenvolvidas polo BNG, pechando así unha rolda de encontros que permitiu facer balance directo coa veciñanza e comprobar de primeira man os avances acadados nos últimos dous anos e medio de mandato. O portavoz e exalcalde, Luís Pérez Barral, cualificou esta etapa como “moi positiva e histórica” polo volume de investimentos realizados e polo impacto real na mellora da calidade de vida no rural.

Durante a xuntanza, as veciñas e veciños trasladaron propostas e novas necesidades relacionadas coas rozas e mantemento de camiños, pavimentacións e reforzo de servizos básicos. Pérez Barral e o seu equipo agradeceron a participación e destacou que “escoitar á veciñanza sempre foi e seguirá sendo un dos nosos sinais de identidade malia que agora outros pretendan copiarnos”.

No balance presentado puxo en valor o importante impulso inversor realizado en Castiñeiras chegando a 680.000€ en dous anos e medio con actuacións que contribuíron a modernizar espazos públicos e infraestruturas básicas. Entre elas destacan a renovación do paseo dos Mosqueiros 200.000€, a creación do paseo da Ameixida 163.000€ e as melloras na área deportiva do Castro 15.000€ No ámbito dos servizos básicos executáronse obras de pluviais e pavimentación nas rúas Revolta e Fonteseca 91.000€, a pavimentación da rúa Curros 90.000€ e a renovación do firme no Camiño dos Páramos 64.000€. Ademais, queda preparado e consignado o proxecto para renovar a liña de traída de auga nos Mosqueiros en 2026, cun investimento de 63.000 euros.

O portavoz nacionalista subliñou que a acción de goberno permitiu investir 5,5 millóns de euros nas parroquias para ampliar saneamento, abastecemento e pavimentacións, deixando ademais outros 1,5 millóns listos para novas actuacións este ano. En total, máis de 7 millóns de euros destinados a reforzar servizos e infraestruturas no rural de Ribeira. Tamén destacou a evolución económica municipal: “a xestión do PP fixo que Ribeira teña unha débeda de 13 millóns de euros mentres que o BNG deixa 6,5 millóns para proxectos de futuro, iso é exemplo de xestión responsable e eficaz”.

As parroquias de Ribeira avalan a acción de goberno de Pérez Barral
A reunión de Castiñeiras puxo o broche final a unha xeira de nove xuntanzas parroquiais celebradas nas últimas semanas, caracterizadas pola elevada participación veciñal e polo ambiente construtivo de diálogo directo. Segundo sinalou Pérez Barral, estes encontros permitiron recoller propostas, avaliar necesidades reais e contrastar co conxunto da veciñanza os resultados da acción de goberno.

O portavoz destacou especialmente o respaldo recibido durante esta rolda, afirmando que nas distintas reunións “percibiuse un apoio maioritario á nosa forma de gobernar, baseada no traballo, no rigor e na atención directa ás parroquias”. Neste sentido, salientou que esta resposta cidadá reforza a vontade de continuar traballando na mesma liña, con proximidade, responsabilidade e compromiso de seguir formulando propostas positivas.

Para rematar, Pérez Barral quixo trasladar unha mensaxe de continuidade e proximidade, asegurando que, malia concluír esta rolda de encontros, seguirá estando á disposición da veciñanza para escoitar, atender propostas e defender os intereses das parroquias de Ribeira en todo momento.

Deja un comentario