O baixo da Casa do Concello acolleu esta tarde a presentación do Entroido de Samede, que se festexará este domingo, 22 de febreiro, co tradicional desfile pola aldea que lle dá nome e con saída, como de costume, na igrexa.
Conduciron este acto, no que se proxectou un vídeo sobre este tradicional entroido, o único que queda vivo na comarca das Mariñas o alcalde, Sergio Platas, a presidenta da Asociación do Entroido de Samede, Emilia Cagiao e José Antonio Cagiao, testemuña dos primeiros anos nos que se desenvolveu esta festividade.
Os tres coinciden na necesidade “de festexalo non só por mantelo vivo, senón polo orgullo que temos dunha celebración moi nosa na que, estamos moi contentas e contentos de dicilo e proba disto son as cativas e cativos que nos acompañan hoxe, está garantido o relevo xeracional.”
Ao finalizar o acto, os presentes observaron a escolma de imaxes referentes ao Entroido de Samede e que pendurarán temporalmente no vestíbulo do baixo do edificio consistorial.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.