• A parálise nótase no esencial: Culleredo segue sen orzamentos, sen PXOM, sen contas claras e con contratos básicos aínda sen licitar
• Izaskun García: “O bloqueo non está na oposición: o bloqueo está nun goberno que deixou de gobernar”
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, criticou hoxe a falta de iniciativa do goberno municipal de José Ramón Rioboo tras a celebración das comisións previas ao pleno do próximo martes, ao que chegará de novo coa parte resolutiva da orde do día sen asuntos relevantes de xestión, sen proxectos de goberno, sen prioridades e sen decisións de calado para o futuro do concello.
García advertiu de que non se trata dunha situación puntual por parte do executivo local, senón dunha dinámica que se repite e que encadea desde hai tempo “plenos baleiros”, “meses perdidos” e un Concello “en punto morto”. “Cando non hai nada nas comisións, non hai nada no pleno; e cando non hai nada no pleno, podemos dicir que non hai goberno”, sinalou.
A portavoz popular vinculou esta parálise do goberno municipal cos grandes asuntos bloqueados no concello. Culleredo continúa sen orzamentos —os últimos aprobáronse en 2023— e, por tanto, sen capacidade real para planificar investimentos e priorizar melloras en servizos básicos e infraestruturas. Tamén persiste o bloqueo do PXOM, “sen o cal non hai vivenda para os mozos nin chan industrial para atraer empresas e emprego”, ao que se suma a falta de rendición de contas e o atraso na licitación de contratos de servizos esenciais como limpeza viaria, conserxería ou auga. “Gobernar a base de parches é gobernar sen respecto polos veciños”, dixo.
Fronte ás acusacións do alcalde e o seu equipo sobre un suposto bloqueo por parte da oposición, García foi tallante: “O bloqueo non está na oposición; o bloqueo está nun goberno que deixou de gobernar”. Por iso, reivindicou “un cambio que xa é unha necesidade” para recuperar o pulso do Concello e evitar que se sigan perdendo oportunidades: “Culleredo non pode esperar máis: necesita un goberno que goberne, que decida e que devolva a ilusión”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.