Wednesday 18 de February de 2026

O Pleno aproba por unanimidade o convenio de colaboración con Ames para a execución do Programa Integrado de Emprego


Aprobada unha Declaración Institucional sobre o 8 de Marzo e unha moción contra as modificacións da Lei de Patrimonio

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de febreiro pois todos os puntos da orde do día, mocións incluídas, saíron adiante co voto a favor de PSOE, PP e BNG. Así, o Pleno dou o visto bo ao convenio de colaboración entre o Concello de Brión e o Concello de Ames para a concreación das actuacións para a execución conxunta do Programa Integrado de Emprego no termos da axuda económica concedida pola Xunta de Galicia.

Unha achega que ascende a 220.000 euros, sobre os 257.000 do total do proxecto que beneficiará a 100 persoas desempregadas de ambos os dous municipios. Os outros 37.000 euros son financiados con cargo ás arcas municipais de Ames e Brión. Deste xeito, o Concello brionés aportará 7.544 euros para a formación de 20 veciños e veciñas do municipio en situación de desemprego.

A maiores, o Pleno convalidou a encomenda de xestión realizada ao Concello de Ames para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas. Unha iniciativa presentada á Xunta de Galicia e que aínda está pendente de coñecerse se recibe ou non subvención.

Mocións

Na quenda de mocións, o Pleno aprobou un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 2.008 euros para o pago de cotas na comisión de propietarios de Agronovo. Unha factura que tivo que aboarse vía REC debido a que a asesoría da comunidade de propietarios cometeu un erro na súa emisión, polo que a factura correspondente ao 2025 chegou ao Concello en 2026, obrigando a incoar este REC.

Os tres grupos municipais acordaron aprobar como Declaración Institucional a moción dos nacionalistas para conseguir avanzar en igualdade real e efectiva fronte ao rearmamento do machismo. Un texto moi similar aos aprobados en anos anteriores e no que se reafirma o compromiso do Concello de Brión coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8 de marzo de 2026. Así mesmo, ínstase á Xunta de Galicia á creación dun Instituto Galego das Mulleres e a impulsar un novo marco orzamentario e regulamentario para os Centros de Información á Muller.

Finalmente, os tres grupos municipais aprobaron unha moción de rexeitamento ás modificacións na Lei de Patrimonio de Galicia realizadas a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026 presentada polo BNG e emendada polo PSOE. Así, a moción do BNG insta á Xunta a retirar a modificación da Lei de Patrimonio recollida na Lei de Acompañamento dos Orzamentos, así como a dar traslado desta moción ás forzas políticas no Parlamento galego e facultar á Alcaldía a tomar as medidas precisas para garantir o cumprimento deste acordo. Pola súa banda, os socialistas engadiron dous puntos máis: Reclamar a eliminación do silencio administrativo positivo nos procedementos que afecten a bens patrimoniais, asegurando a necesidade de informes técnicos expresos como instrumento básico de seguridade xurídica e operativa na toma de decisións; e no caso de non conseguir a retirada da modificación da Lei como pedía o BNG, solicitar que calquera delegación de funcións aos concellos en materia de patrimonio cultural vaia acompañada da correspondente dotación de recursos económicos, persoal técnico cualificado e mecanismos efectivos de coordinación interadministrativa que permitan o exercicio destas competencias con garantías.

Deja un comentario