Wednesday 18 de February de 2026

A Festa da Filloa de Lestedo estará presente en toda España a través da venta de 5 millóns de cupóns da ONCE


O Concello de Boqueixón vén de acoller a presentación do cupón que se venderá o vindeiro luns 23 de febreiro

O programa Filloa Accesible ofrecerá mañá una cata sensitiva dirixida a integrantes de ONCE Santiago

A Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico Nacional en 2024, estará presente en toda España a través da venda de 5 millóns de cupóns de ONCE o vindeiro luns 23 de febreiro. A cita celebrará o seu día grande este domingo 22 de febreiro na que será a súa XLIII edición, aínda que a programación comezou xa o pasado venres con diferente tipo de actividades culturais e gastronómicas.

 

A presentación do cupón tivo lugar esta mañá no Concello de Boqueixón e contou coa presenza do alcalde, Ovidio Rodeiro; o presidente da Asociación da Filloa de Lestedo, Juan Silva; o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez; o director da Axencia de Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro, e dun dos vendedores de ONCE na zona, Abelardo Rendo, así como doutros integrantes da organización do evento.

 

Juan Silva amosou o seu “máis sincero agradecemento” á ONCE por incluír a imaxe da “Festa dá Filloa de Lestedo no seu cupón. É un recoñecemento moi grande ao labor que se desenvolve desde a parroquia e permitiranos dar a coñecer a nosa festa en todos os recunchos de España”.

 

Nesa mesma liña pronunciouse o rexedor boqueixanés, quen destacou que “é a primeira vez que a Filloa de Lestedo vai reflectida nun dos cupóns da ONCE, o que nos vai a permitir levar o nome do noso municipio por todo o país. Algo polo que estamos moi agradecidos”, concluíu.

 

Cata sensitiva dirixida ao colectivo

 

Do mesmo xeito, Ovidio Rodeiro lembrou que mañá terá lugar “un showcooking adaptado” ao colectivo da ONCE. A cita terá lugar ás 12.00 horas no local social de Lestedo e prevese a participación dunha trintena de persoas. A sesión estará dirixida polo chef José Manuel Mallón (D’Outrora Foods & Service) e por Charly Torres, docente do CIFP Compostela na especialidade de Servizos de Restauración. Os asistentes poderán degustar Filloas de Lestedo con diferente tipo de recheos, que serán harmonizadas con viños da D.O. Rías Baixas da subzona da Ribeira do Ulla (con cata comentada).

 

Pola súa banda, Manuel Martínez salientou o interese que ten a ONCE por “poñer de manifesto a tradición e o patrimonio cultural do noso país”, sendo a venda dos 5 millóns de cupóns coa imaxe da Festa da Filloa de Lestedo “a nosa achega a esa posta en valor de tradicións e da gastronomía singular do noso país como esta”.

 

O delegado territorial de ONCE en Galicia definiu o nacemento da Festa da Filloa de Lestedo, no ano 84, como “unha mostra de innovación social e que seguides cultivando, conservando a tradición e trasladando ás novas xeracións ese legado para que perviva”. Ao tempo, Martínez Pan estableceu un paralelismo entre a posta en marcha de exaltación gastronómica en Lestedo co paso que o cupón deu a ser de carácter nacional.

 

Toda a información sobre as actividades da Festa da Filloa de Lestedo pódese consultar na web www.festadafilloadelestedo.gal.

Deja un comentario