A falta de conservación na Estrada do Peirao, en Maniños, e na AC-133 provoca problemas de seguridade e dificulta actuacións básicas como a reparación do alumeado
O deputado no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, comprometeuse a trasladar a situación á cámara galega tras un encontro de traballo en Fene
O Concello de Fene reclámalle á Xunta de Galiza actuar de maneira inmediata no mantemento das estradas de competencia autonómica ao seu paso polo termo municipal, ante a situación de deterioro que presentan varios treitos que están a xerar problemas de seguridade para a veciñanza.
O goberno local fixo especial fincapé no estado da Estrada do Peirao, en Maniños, onde se rexistran fochancas de grandes dimensións e treitos en diferentes alturas, que supoñen un risco tanto para os vehículos como para os peóns. Do mesmo xeito, sinala a falta de mantemento na AC-133, onde a ausencia de limpeza da vexetación nas marxes de afección de competencia autonómica está a impedir mesmo a realización de traballos básicos, como a reparación do alumeado público.
Estas cuestións foron abordadas nun encontro mantido esta semana entre a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o primeiro tenente de alcaldesa, Manuel Polo, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, no marco dunha visita institucional ao concello.
A alcaldesa trasladoulle ao deputado a preocupación do goberno municipal e da veciñanza ante unha situación que cualificou de “insostíbel”. “Desde o Concello elaboramos e remitimos á Xunta diversos informes técnicos alertando do deterioro destas vías e das consecuencias que está a ter para a seguridade e a mobilidade. O que pedimos son compromisos firmes e urxentes para rematar cun abandono que se prolonga no tempo”, sinalou Sandra Permuy.
Pola súa banda, Mon Fernández comprometeuse a levar esta problemática ao Parlamento galego a través das iniciativas necesarias. “Non é razoable que estradas de competencia autonómica presenten este nivel de deterioro nin que os concellos teñan que asumir as consecuencias da falta de mantemento da Xunta. Desde o Parlamento imos denunciar esta situación e esixir actuacións inmediatas”, afirmou o deputado.
Desde o Concello de Fene reiteran a súa disposición á colaboración institucional, pero insisten en que a Xunta debe asumir as súas responsabilidades e garantir o mantemento adecuado das infraestruturas viarias autonómicas, poñendo fin a unha situación que afecta directamente á seguridade e á calidade de vida da veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.