Wednesday 18 de February de 2026

Belén do Campo anima ás asociacións de comerciantes a solicitar os 2,5M€ en axudas para reforzar a súa profesionalización e capacidade de fidelización


-Belén do Campo lembrou que poden optar ás axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, cunha antigüidade mínima de tres anos, que representen, como mínimo, 50 negocios retallistas

— As entidades deberán presentar un programa que inclúa polo menos seis campañas de dinamización comercial coa participación directa dos comercios asociados e da clientela, así como accións formativas e outras iniciativas orientadas á fidelización e mellora dos servizos

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, percorreu hoxe, xunto cos representantes da Asociación Boirense de Empresarios CCA, varios establecementos dos seus asociados para animar aos centros comerciais abertos a solicitar a nova orde de axudas para a dinamización do comercio local dotada con 2,5 millóns de euros.

Durante o percorrido, a delegada puxo en valor o traballo de dinamización que realiza a entidade boirense, que recibiu case 100.000 euros na anterior convocatoria de 2025 destas axudas para o desenvolvemento de campañas de promoción, accións de fidelización e iniciativas de impulso ao comercio local.

Esta entidade fundada no ano 1988, continúa a reforzar o seu papel como motor da dinamización económica, social e comercial de Boiro. A Asociación Boirense de Empresarios, de carácter multisectorial, representa na actualidade a 212 empresas e ao longo da súa traxectoria destaca pola súa capacidade de adaptación e innovación.

Campañas de dinamización e promoción comercial
Grazas a esta achega autonómica, ABE organizou a campaña “Boiro, Compras con Corazón” que foi recoñecida pola Xunta como unha das cinco mellores campañas de Galicia o ano pasado. A delegada aproveitou a visita para felicitarlles por este recoñecemento.

Ademais, no ámbito das campañas de dinamización comercial leváronse a cabo accións de grande impacto como a Noite Aberta Ampliada, unha xornada especial de compras con horarios estendidos ou a campaña de Nadal. A iniciativa Ola Primavera serviu para dar a benvida á nova tempada con propostas atractivas e accións promocionais. A campaña Consumo Local reforzou a mensaxe da importancia de apoiar o comercio de proximidade, mentres que as Quincenas Fantásticas ofreceron promocións e vantaxes especiais durante períodos concretos para estimular as vendas. A iniciativa Volta ao Cole centrouse nas necesidades das familias ao inicio do curso escolar.

Ademais, desenvolvéronse campañas adicionais de dinamización comercial que contribuíron a manter unha actividade constante ao longo do ano como as de San Valentín, a do Día do Pai e da Nai, a Noite Aberta, e Fora Stocks.

No eido das accións complementarias de fidelización e servizos á clientela, implantouse un sistema de fidelización que facilita vantaxes directas ás persoas consumidoras, reforzando o vínculo co comercio asociado e incentivando a repetición de compra. Paralelamente, potenciouse a presenza nas redes sociais.

O programa completouse cun bloque de actividades formativas dirixidas ás persoas comerciantes e aos seus equipos. Organizouse o Almorzo ABE que permitiu informar e asesorar sobre recursos e oportunidades de financiamento. A xornada Coñecendo o autismo: unha oportunidade para mellorar o teu negocio e o teu equipo contribuíu a sensibilizar e formar en atención inclusiva, promovendo un comercio máis accesible e comprometido socialmente. Finalmente, a masterclass Compite na era dixital cunha estratexia sólida para o teu negocio ofreceu ferramentas prácticas para afrontar os retos da transformación dixital e mellorar a competitividade.

A delegada da Xunta subliñou que estas accións evidencian o esforzo do Centro Comercial Aberto de Boiro por impulsar o comercio local a través dunha estratexia integral que combina promoción, fidelización, innovación e formación, contando co respaldo institucional da Xunta de Galicia para seguir fortalecendo o tecido comercial e económico do municipio.

Balance 2025
En relación coa orde de axudas dirixida aos centros comerciais abertos destacou que na convocatoria do pasado ano resultaron beneficiarias cinco asociacións de comerciantes da comarca do Barbanza —Boiro, A Pobra, Noia, Rianxo e Ribeira— por un importe de preto de 300.000 euros, mentres que na provincia da Coruña as achegas chegaron a 18 entidades por máis de 800.000 euros. En Galicia a convocatoria tamén contou con 2,5 millóns de euros e beneficiou a 54 centros comerciais abertos.

Unha orde centrada na excelencia e na profesionalización
Esta nova convocatoria, enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, abriu o prazo de solicitudes o 13 de febreiro ata o 12 de marzo.

A orde afonda na simplificación administrativa, incorpora novidades nos criterios de valoración e nas actuacións subvencionables e volve apostar pola concorrencia competitiva para primar a calidade, a profesionalización e a capacidade de fidelización da clientela.

Entre as novidades inclúense novos criterios relacionados coa formación dos comerciantes, a atracción de novos establecementos asociados e a posta en marcha de servizos complementarios como ludotecas e espazos de lecer infantil. Ademais, intégrase o requisito de empregar a nova marca do Comercio Galego para reforzar a visibilidade do sector.

Así mesmo, resérvanse 100.000 euros para que as cinco mellores propostas poidan acceder a unha achega extraordinaria de ata 20.000 euros para actividades complementarias de dinamización, que deberán desenvolverse en coordinación cos concellos e outras entidades locais.

Requisitos e contías
Poderán optar ás axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, cunha antigüidade mínima de tres anos, xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e que representen, como mínimo, 50 negocios retallistas.

As entidades deberán presentar un programa que inclúa polo menos seis campañas de dinamización comercial coa participación directa dos comercios asociados e da clientela, así como accións formativas e outras iniciativas orientadas á fidelización e mellora dos servizos.

Os investimentos máximos subvencionables establécense en tres tramos: ata 65.000 euros para CCA con 100 ou máis comercios asociados, ata 55.000 euros para aqueles con entre 70 e 99 negocios, ata 40.000 euros para os que conten entre 50 e 69 establecementos adheridos.

A intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 % e o 90 % segundo a puntuación obtida, valorándose aspectos como a existencia dun plan de comunicación, o carácter innovador das campañas ou a súa capacidade para atraer nova clientela e incentivar o consumo.

A delegada subliñou que “os centros comerciais abertos son fundamentais para dinamizar as vilas e fortalecer o comercio de proximidade” e animou ás asociacións a presentar proxectos “ambiciosos, innovadores e coordinados cos concellos, que contribúan a consolidar un comercio máis profesional, competitivo e atractivo para a veciñanza”.

Deja un comentario