O investimento previsto ascende a 100.000 euros, que o consistorio agarda poder custear cunha axuda da AGADER
O Concello de San Sadurniño ten xa preparada a memoria técnica para rehabilitar o espazo dos antigos vestiarios da polideportiva de Santa Mariña, co obxectivo de ampliar as posibilidades de uso social das instalacións situadas na Golpilleira. Trátase dunha actuación pensada para recuperar unha zona que hoxe se utiliza como almacén e convertela nun lugar máis accesible e cómodo para o desenvolvemento de distintas actividades. A intervención, cifrada en 100.000 euros, inclúe melloras no interior, na cuberta e tamén no entorno inmediato do edificio, ademais da apertura dunha comunicación interior co andar inferior do antigo grupo escolar, que xa se está utilizando como local veciñal xunto co edificio inaugurado en 1997. O goberno local presentou esta proposta a unha liña de axudas da AGADER dirixida a mellorar equipamentos públicos, coa que se podería cubrir a totalidade do investimento necesario.
A actuación céntrase nunha parte concreta do inmoble, correspondente ao actual almacén (empregado no pasado como vestiario da polideportiva) que conta cunha superficie duns 78 metros cadrados. O proxecto pretende que esta zona pase a ter un uso máis acorde coas necesidades actuais, permitindo dispoñer dun espazo complementario para reunións, actividades e iniciativas veciñais ligadas ao día a día da parroquia.
Un dos primeiros traballos previstos será a retirada de elementos en mal estado e a apertura ou adaptación de ocos para mellorar a distribución interior. Tamén se substituirán pezas deterioradas e realizaranse intervencións que permitan actualizar o local e facelo máis funcional, deixando atrás unha configuración antiga que xa non responde ben aos usos sociais que se lle queren dar.
Outro punto importante será a intervención na cuberta, xa que se contempla retirar o material existente e substituílo por unha solución máis segura e duradeira. Esta parte do proxecto busca mellorar as condicións xerais do edificio, evitar filtracións e garantir un uso máis confortable durante todo o ano.
No interior tamén se prevé unha posta a punto xeral: renovaranse os revestimentos, botarase un novo chan e instalaranse falsos teitos, co fin de mellorar o aspecto e o confort. A intención é que o local quede máis acolledor e práctico, pensado para un uso continuado e para acoller diferentes tipos de actividades, desde xuntanzas ata accións culturais.
O proxecto recolle, ademais, melloras na electricidade e na iluminación, así como a posta ao día da fontanería e das medidas de seguridade, de maneira que o espazo poida utilizarse con garantías e cumprindo as esixencias actuais para edificios de uso público.
Por último, o Concello tamén quere aproveitar a obra para mellorar o perímetro do edificio, incorporando iluminación exterior, renovando pavimentos e peches e habilitando espazos que favorezan un uso máis sostible, como aparcamento para bicicletas e zonas para a correcta xestión de residuos.
O orzamento previsto para esta intervención supera por pouco os 100.000 euros e a intención do Concello é beneficiarse das axudas da AGADER para a mellora de servizos básicos e equipamentos municipais. Esta liña, dotada con 5 millóns de euros, cubrirá con carácter xeral o 100% dos investimentos, cun tope de 100.000 euros por municipio.
O Goberno local confía nas posibilidades do proxecto deseñado para Santa Mariña xa que, segundo comentou o alcalde, Secundino García Casal, “a convocatoria, que é en concorrencia competitiva, favorecerá aos concellos con menor poboación e tamén aqueles proxectos de carácter integral que acheguen melloras en distintos ámbitos. O noso cumpre de sobra cos requisitos para obter unha boa puntuación. Temos esperanza en ser un dos 50 concellos beneficiarios destas axudas”.
Alén de comentar esta opción para financiar as obras, Secundino García Casal pon o foco na importancia de adaptar o inmoble aos usos actuais e á realidade demográfica da parroquia. “O edificio inaugurado hai 30 anos, máis parecido a unha vivenda, ten limitacións de accesibilidade e de distribución do espazo, algo que tamén ocorría en Lamas e por esa razón optouse por construír unha ala nova de planta baixa totalmente diáfana que hoxe acolle practicamente todas as actividades. En Santa Mariña pretendemos facer o mesmo acondicionando os antigos vestiarios para ter un lugar con máis espazo libre e máis accesible, que é algo que as veciñas e veciños demandan e necesitan”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.