• Goretti Sanmartín anuncia que o Concello está a estudar a reforma dos requisitos de implantación de establecementos de hospedaxe en edificio exclusivo para impedir que poidan desprazar o uso residencial
• O Concello culminou por primeira vez o proceso de poxa pública dun inmoble do Rexistro de Soares, o xurado do Conector Central reunirase o 20 de febreiro e en próximas semanas estará listo o proxecto para Castrón Douro
• O Pazo de Raxoi xa ten implantado o recargo do imposto por estadías
• A alcaldesa avanza que en próximas semanas estará terminado o expediente para aprobar a nova ordenanza de convivencia
• Santa Isabel xa está preparada para recibir os clubs e que poidan gozar dunhas instalacións renovadas. Santiago acollerá os XVI Xogos do Eixo en xullo
• A rexedora lembrou as vítimas de violencia machista e destacou a implantación do asesoramento LGBTIQ+ na Casa Xohana Torres
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este xoves, 12 de febreiro, ante a Corporación Municipal no Pleno do debate do estado do Concello para dar conta da acción de goberno no último ano. Goretti Sanmartín informou dos fitos acadados nos últimos doce meses, como a implantación da recarga municipal ao imposto de estadías turísticas ou a poxa dos inmobles incluídos no Rexistro de Soares; e puxo enriba da mesa os retos de futuro, para os que xa se sentaron as bases, como o Concurso internacional de ideas do Conector Central da cidade, o proxecto de transformación urbana no Ensanche e na zona norte do Concello, a adxudicación do contrato de transporte ou o novo modelo de comedores, entre outras cuestións.
Goretti Sanmartín apelou á “obriga inescusable de pensar a cidade para as vindeiras xeracións”, unha visión que guía a acción deste goberno municipal. “Desenvolver políticas para o medio e o longo prazo, en voo alto e non rasante, debe ocuparnos e preocuparnos”, afirmou Goretti Sanmartín, quen fuxiu de triunfalismos e recoñeceu que as mudanzas estruturais levan tempo”. “Chegamos a este debate co convencemento de estarmos a traballar na liña correcta, naquela que deixa mudanzas que han ficar para anos e ser referentes de transformacións profundas no noso concello, ao tempo que atendemos as urxencias e necesidades do cotián para mellorar a vida da veciñanza”, afirmou, para resumir o obxectivo principal: mellorar a vida da veciñanza e avanzar nunha transformación transversal e integral.
Novas canles de participación
Goretti Sanmartín puxo en valor que neste último ano se puxeron en marcha novas canles de participación para atender á poboación (coma os Consellos Municipais ou a Mesa Sectorial de Vivenda). Destacou que a poboación acadou os 100.000 habitantes e Santiago ten unha veciñanza que goza dun alto nivel de calidade de vida e de condicións económicas por riba da media do país. “Sen dúbida, Compostela é un bo lugar para vivir. Máis é evidente que, aínda así, non podemos deixar ninguén atrás”, engadiu.
A alcaldesa tamén confrontou a profunda polarización que provoca desafección política e a intoxicación a través das loias coa realidade dun concello que é un lugar caracterizado por ser espazo de “acollida e benvida”. Así, convidou a un percorrido polas sete portas da cidade para falar dos feitos que desmenten esa versión de ficción.
Transformación urbana
Goretti Sanmartín confirmou que este ano o Consorcio fará unha importante intervención no Arco de Mazarelos e que nas próximas semanas o Concello contará co proxecto definitivo para recuperar a rasante orixinal de Castrón Douro. Sen saír deste ámbito, referiuse ao Conector Central da cidade, que este goberno quere transformar nun espazo para todas as persoas e “todas as rodas”, é dicir, coches pero tamén as bicicletas, carriños de bebé, carros da compra ou cadeiras de rodas. Ao fío, avanzou que o xurado do Conector central reunirase o próximo 20 de febreiro para seleccionar de entre as 22 propostas que se presentaron na primeira fase, as cinco que pasarán á seguinte.
Nesa liña referiuse tamén á proposta de repensar o Ensanche: fronte ao uso predominante dos automóbiles, hai que dar paso a un modelo urbano sustentábel e á escala das persoas, co obxectivo de loitar contra a emerxencia climática, adaptarse a ela e favorecer a interacción social e comercial. Engadiu que esta formulación conta con alternativas para os vehículos, en referencia ás infraestruturas de aparcamento na estación intermodal e no recinto do CHUS.
Goretti Sanmartín subliñou o salto cualitativo que supuxo a modificación do Plan especial da Cidade Histórica para afrontar dous retos: a protección do comercio que dá servizo á veciñanza e o asentamento de poboación, facilitando a rehabilitación de vivendas de menor tamaño. Ademais, por primeira vez, culminouse un proceso de poxa pública que se iniciou pola inscrición de inmobles no Rexistro de Soares. Sobre esta cuestión indicou que acaba de formalizarse o cambio da propiedade e axiña presentarán o proxecto de rehabilitación para obter a licenza.
Máis protección para garantir a vivenda
Goretti Sanmartín defendeu que o labor do Concello para garantir o dereito á vivenda está dando froitos. E por iso anunciou que o Concello está a estudar a reforma dos requisitos de implantación de establecementos de hospedaxe en edificio exclusivo para impedir que poidan desprazar o uso residencial.
“O modelo polo que pulamos quere manter a vitalidade das rúas, con comercio a ras do chan e non desprazado aos polígonos periféricos para incentivar o uso do coche e deixar sen osíxeno o noso tecido autóctono. Un modelo con vivendas habitadas e non convertidas en negocios, con dotacións e co patrimonio rehabilitado e en uso. Un modelo que avanzará grazas ás diferentes medidas que activamos”, defendeu. E explicou outras decisións neste eido adoptadas no último ano, como a inclusión na ordenanza do IBI da recarga para as vivendas baleiras, dentro do marco normativo posíbel, para o que o Concello elaborará un censo que comezará a andar este ano.
En materia de vivenda, tamén se incorporaron importantes bonificacións no IBI e no ICIO de vivendas protexidas (tanto de protección autonómica como de promoción pública) e bonificacións importantes no ICIO para cooperativas de vivenda en cesión de uso. Tamén lembrou a colaboración institucional noutros ámbitos, como a cesión dunha parcela na Praza da Mercé para o proxecto ‘A casiña de Andrea’ en colaboración coa Fundación Andrea. E confirmou que o luns remata o prazo de exposición pública da nova documentación para a solicitude do mercado residencial tensionado.
Ordenanza de convivencia
Goretti Sanmartín tamén anunciou no debate que, en poucas semanas, estará rematado o expediente para aprobar a Ordenanza de convivencia, unha proposta “elaborada coa cabeza posta en facer realidade esa máxima que sempre defendemos de que o que é bo para quen aquí vive tamén o será para quen nos visite”. A nova ordenanza aspira a regular os comportamentos contrarios á convivencia cidadá cunha finalidade educativa, orientada á promoción dun uso equilibrado e inclusivo do espazo público, sen limitar dereitos básicos ou condutas aceptadas socialmente. Para mellorar, en definitiva, a calidade de vida da nosa veciñanza.
Implantación da taxa turística
No repaso de fitos de 2025, lembrou que 2025 foi o ano da implantación da recarga sobre o imposto de estadías turísticas. “Temos claro que a denominada popularmente como “taxa turística” non provoca en si mesma un cambio de modelo, mais é un elemento máis de sensibilización ao redor da necesidade de termos un turismo consciente e responsábel, que pondere máis os aspectos cualitativos que os cuantitativos”, explicou.
“A mudanza de modelo turístico non é unha opción, é unha necesidade, e este goberno municipal está liderando ese cambio que é referente para todo o país, con medidas estruturais, valentes e coherentes, continuou a alcaldesa, quen lembrou que desde o Plan de Sustentabilidade Turística desenvolveuse tamén en 2025 o Concurso Internacional de Iluminación Ornamental que fai de Santiago unha referencia para moitas outras cidades.
Goretti Sanmartín insistiu nun modelo de turismo acolledor e respectuoso coa veciñanza. “Nós continuamos traballando man a man co sector e conseguindo melloras para o turismo e a veciñanza compostelá”, concluíu.
Estatuas do Mestre Mateo
No balance de 2025, Sanmartín Rei destacou que, desde o mes de decembro e tras un longo proceso xudicial, o Museo do Pobo Galego acolle as esculturas do Mestre Mateo, Ezequiel e Xeremías, que mostran as novas xeracións que “aínda estamos a rematar agora coa impunidade do réxime franquista”. Ao fío, indicou que un dos retos para 2026 é convertelo nun ano de memoria.
Outro dos retos para o presente ano é o novo modelo de comedores que impulsa o departamento de Educación, con produto de proximidade. Neste sentido, reivindicou que xa se logrou que as escolas do rural teñan servizo de comedor (Laraño, O Eixo e Marrozos). E tamén se cumpriu coa oferta de conciliación anual.
Goretti Sanmartín tamén reivindicou as festas do Concello e a actividade cultural, con especial relevancia a programas como a Tropa C ou a consolidación da Festa Pícara no Apóstolo, canda a programación do Nadal ou ampla oferta do Centro Xove da Almáciga.
No ámbito deportivo, reinaugurouse o Pavillón de Vite en 2025 tras unha reforma integral e Santa Isabel está lista para que os clubs poidan gozar dunhas instalacións renovadas, mellorando tamén a dispoñibilidade de espazos para poder desenvolver as actividades. Lembrou que este ano Santiago será a anfitrioa dos XVI Xogos do Eixo Atlántico. E ligado co deporte, destacou o impulso do uso do galego neste eido coa campaña específica ‘Ficha polo Galego’, impulsada desde o departamento de Normalización Lingüística en colaboración co de Deportes.
Obras
A rexedora municipal tamén tivo palabras para as obras que se están desenvolvendo ou xa se fixeron. En 2025, executáronse 12 millóns de euros, entre as que se atopan actuacións de accesibilidade puntuais en preto dunha vintena de puntos do municipio e outras máis grandes como a reurbanización da rúa Puente la Reina ou do Pombal. Están en marcha a reforma do Pazo de Raxoi e a reurbanización da rúa García Lorca ou Amor Ruibal. Ademais, outro exemplo de actuación neste eido é que xa se aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou.
Sanmartín tamén deu conta de que, en cumprimento do Plan de fugas, xa están aprobados os proxectos de abastecemento da rúa da Mira e da Torreira de arriba, e a punto de comezar a súa licitación para executar as obras este ano.
Reto Horizonte Compostela
Outro reto consistirá no desenvolvemento dos proxectos do Horizonte Compostela tras conseguir 8,7 millóns de euros na convocatoria de fondos europeos (Edil), que inclúe, entre outras actuacións, recuperar infraestruturas como a armazón de Salgueiriños e obras de accesibilidade e de humanización. De feito, está previsto aprobar proximamente a reurbanización de Ultreia, financiada cos fondos EDIL.
Nas políticas de rural, alén dos contratos de mantemento que están funcionando e recollen as propostas da Federación de Asociacións do Rural de Compostela, o goberno de Santiago acaba de presentar ao POS da Deputación unha importante cantidade para arranxar os viais por valor de 390.000 euros. “Cumprimos co rural e, por iso, o gasto en 2025 para este ámbito supera con moito o compromiso asinado e inclúe importantes obras”, enfatizou Sanmartín, antes de enumerar varias obras que se executaron nos últimos meses en varias parroquias.
Compostela feminista
Goretti Sanmartín fixo a última parada do percorrido na Porta da Pena para erguer de novo a bandeira da Compostela feminista e ter palabras de lembranza tamén para todas as vítimas de violencia machista e, especialmente, a primeira muller asasinada neste 2026, unha muller de Mos.
Neste compromiso, a rexedora, que ostenta as competencias de Igualdade, lembrou que en 2025 se reforzou a acción da Casa Xohana Torres, incrementando persoal e atención e implementando o servizo de asesoramento LGBTIQ+.
No repaso feito, a alcaldesa tamén destacou as campañas de sensibilización sobre o servizo de recollida do lixo, a aposta pola compostaxe individual e colectiva e a instalación de 74 novos colectores para a recollida de aceites usados de cociña.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.