Conta atrás activada para o arranque das celebracións do carnaval en Neda. As comparsas, que levarán a animación e o bo humor polas rúas da vila, serán as grandes protagonistas este venres. Non obstante, a xornada festiva incluirá ademais concurso e baile de disfraces. Dende o Concello convídase á veciñanza e á xente do resto de Ferrolterra a desfrutar das actividades.
Un total de nove comparsas e un grupo participarán no desfile polas rúas nedenses. As máis de 330 persoas participantes partirán da avenida Castelao a iso das 19:15 horas, con destino ao pavillón municipal, escenario do tradicional festival. Ao seu paso encherán cor as rúas Xeneral Morgado, Real (vía na que quedará prohibido estacionar entre as 18.30 e as 20.30 h), Sobre a Vila avenida de Alxeciras, e Valle Inclán.
Nesta presente edición do certame, subirán ao escenario as naronesas Tróupele Tróupele, Os Argalleiros, Os Parrandolos e As Xoaniñas de Chao; a ferrolá Os Colludos, a fenesa Os Scratchados; a eumesa Xente de aquí e acolá, as nedenses A Canteira e Semente Trasancos, ademais do grupo As Caralletas. En total, máis de 300 persoas. O xurado premiará ás mellores comparsas nas categorías de “orixinalidade e vestimenta”, “crítica da realidade local e comarcal”, “animación na rúa” e “posta en escena”.
Baile e concurso de disfraces
Tras a entrega de diplomas, a troula continuará. Haberá baile co Dúo Estrellas e, no transcurso da festa, o concurso de disfraces, convocado polo Concello para fomentar a implicación de toda a veciñanza nesta xornada.
Poderase participar individualmente, en parella ou en grupo (máximo de seis), tendo que desfilar no escenario ante o xurado. En xogo, nove cestas con produtos típicos do entroido (tres por cada unha das categorías). Haberá que inscribirse durante as actuacións.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.