· Os escolares participarán no xa tradicional xogo-concurso ‘As sete Rosalías’, que tamén conta coa participación do comercio local
· O propio 23 de febreiro terá lugar unha actuación de música tradicional, un recital de poesía, unha ofrenda floral e o reparto do “caldo de groria”
O Concello da Pobra do Caramiñal celebrará o Día de Rosalía cunha programación na que se aposta por achegar a literatura galega e a figura da escritora ás crianzas dun xeito didáctico e lúdico, implicándoas na promoción da cultura galega a través da participación e o xogo.
Tal e como asegurou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación “a nosa intención é que os pequenos e pequenas se acheguen á figura de Rosalía de Castro dun xeito divertido, no que xogar e aprender van da man”. Ademais, salientou, “esta actividade permite implicar ao comercio local e aos centros educativos nun proxecto común”.
A programación inclúe o xogo-concurso ‘As sete Rosalías’, unha proposta que xa se levou a cabo en diferentes edicións e que goza de moi boa acollida entre os escolares. Do 19 ao 27 de febreiro os escaparates de diferentes establecementos do municipio terán exposta a silueta recortada coa forma de Galicia co rostro da intelectual no seu interior. O reto do alumnado de Educación Primaria é localizar sete versións diferentes da imaxe, xa que presenta pequenas variacións. Unha vez identificadas, deberán anotar a diferenza e en que local se atopaba.
Como peche da actividade, o día 6 de marzo celebrarase un sorteo de varios agasallos nos colexios participantes.
O propio día de Rosalía de Castro, conmemorado o 23 de febreiro, terán lugar os actos centrais da programación na praza homónima. A xornada comezará ás 11:45 horas cunha actuación de música tradicional a cargo do grupo Xiada e continuará ás 12:00 horas cun recital de poesía do alumnado de Primaria.
Durante o acto realizarase tamén unha ofrenda foral e farase o reparto do “caldo de groria”, para que todas as persoas que participen no acto poidan degustalo. Trátase dun encontro aberto á veciñanza co que se busca poñer en valor a figura de Rosalía de Castro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.