O evento, que combina competición deportiva e convivencia universitaria, celebrarase do 19 ao 21 de febreiro en diferentes instalacións municipais
A cidade acollerá desde mañá, 19 de febreiro, e ata o sábado 21, o XXXIV Intercamiños Coruña 2026, un encontro estatal que reunirá máis de 1.200 estudantes do Grao en Enxeñaría Civil e do Máster en Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos procedentes da Coruña, Barcelona, Granada, Santander, Madrid, Ciudad Real, Alacante, Valencia e Cartaxena, e consolidará así unha cita que reúne nesta edición nove cidades españolas e reforza o papel da Coruña como punto de encontro do estudantado universitario a nivel estatal.
O evento, organizado polo Club Deportivo Camiños A Coruña, conta coa colaboración do Concello da Coruña coa comunidade universitaria mediante a cesión das instalacións deportivas municipais de Labañou, Os Rosales e Visma, así como das pistas municipais de tenis Salvador de Madariaga e Rafael Alberti, e combina competición deportiva e actividades de convivencia, favorecendo o intercambio entre estudantes de distintas escolas e promovendo valores como o compañeirismo e o traballo en equipo.
A xornada inaugural desenvolverase no Campus de Elviña. Durante o xoves 19 celebraranse as probas de atletismo, que inclúen 100 metros, 800 metros e remudas, ademais de modalidades tradicionais do Intercamiños como a sogatira, o brilé e o lanzamento de probeta, unha disciplina característica das escolas de Enxeñaría de Camiños que consiste no lanzamento dunha probeta estandarizada de formigón, similar ao lanzamento de peso, empregada habitualmente nos ensaios técnicos desta especialidade.
Nos días seguintes, as probas deportivas distribuiranse en diferentes instalacións da cidade, especialmente no ámbito de Riazor. As instalacións municipais acollerán as competicións de fútbol sala, balonmán, fútbol 7 e tenis. O fútbol sala disputarase no pavillón dos Rosales; o balonmán, no polideportivo de Labañou; o fútbol 7 celebrarase no campo de fútbol de Visma; e o tenis nas pistas municipais Salvador de Madariaga (categoría feminina) e Rafael Alberti (categoría masculina), segundo o programa oficial do evento.
Ademais, tamén se disputarán competicións de voleibol no pavillón da Normal (UDC), baloncesto no pavillón da Agra II e pádel nas pistas da UDC situadas no campus.
Neste contexto, o Concello da Coruña pon á disposición da Universidade da Coruña (UDC) as instalacións deportivas municipais que acollen parte das probas do programa, colaborando activamente na organización do evento e garantindo os recursos técnicos e loxísticos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou que “a celebración do Intercamiños na Coruña reforza o papel da cidade como sede de grandes eventos deportivos e universitarios” e engadiu que “esta cita consolida a liña de apoio ao deporte e á organización de encontros de ámbito estatal impulsada polo Goberno de Inés Rey, ao tempo que contribúe a dinamizar as nosas instalacións e a actividade económica durante estes días”.
As competicións desenvolveranse ao longo de toda a xornada, concentrando tamén as comidas nos propios recintos deportivos co obxectivo de fomentar a convivencia e o apoio continuo entre os equipos participantes.
A colaboración municipal nesta edición enmárcase na aposta polo impulso do deporte e pola proxección da Coruña como cidade universitaria e aberta á organización de encontros de ámbito estatal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.