O Concello iniciará esta semana esta nova quenda de traballos, en Bens, e continuará proximamente en dous treitos do Paseo: primeiro, ao longo de San Roque, e, xa posteriormente, entre a Torre e o Aquarium
Nos vindeiros días, o Concello dará un paso máis na programación correspondente ao plan anual de asfaltados nas calzadas municipais, que chegará proximamente á contorna de Bens, con actuacións previstas na estrada que conecta a canceira municipal e o acceso norte ao núcleo poboacional.
Tal e como precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, os traballos sobre o pavimento levaranse a cabo sobre unha superficie de máis de 6.200 metros cadrados de calzada e aparellarán, ademais, a limpeza de cunetas e a adecuación dos bordos ao longo dun quilómetro e medio. A previsión dos servizos municipais é que esta quenda de traballos arrinque antes desta fin de semana, se as condicións meteorolóxicas Son favorables para o seu desenvolvemento.
“Vimos dunhas semanas moi difíciles en termos de precipitacións, e iso evidentemente condiciona a planificación porque os traballos para renovar o firme non se poden executar con choiva. Vimos aproveitando as escasas ventás de bo tempo que houbo nos últimos días e, agora, tan pronto sexa posible, iniciaremos as melloras previstas na estrada de Bens”, explicou a edil.
Tras Bens, os equipos de asfaltado traballarán no Paseo Marítimo
As intervencións na estrada de Bens serán o paso previo ás melloras de asfaltado xa programada nas vindeiras semanas en dous treitos do Paseo Marítimo: entre San Roque e avenida de Labañou, e no treito que conecta as rotondas da Torre e do Aquarium Finisterrae.
A previsión dos servizos municipais é que a primeira fase de asfaltados no paseo se execute entre a glorieta das Esclavas ata o cruzamento entre Gerardo Porto e a avenida de Labañou, actuando así no paseo de Rolda e na avenida de San Roque de Afora no seu conxunto.
Esta quenda de traballos abrirá camiño á segunda fase, que se levará a cabo a partir da semana que vén no treito do paseo que vai desde a rotonda da Torre ata a do Aquarium Finisterrae, unha actuación que o Goberno local aproveitará para dar continuidade á adecuación das infraestruturas e carrís, buscando dar uniformidade á estética do paseo en sintonía con treitos como os dos Pelamios e as Ánimas, xa remodelados tempo atrás.
Neste sentido, a previsión do Concello é actuar en ambas as marxes da calzada entre a Torre e o Aquarium para, ademais de renovar o firme, retirar os raís dos tranvía na beira terrestre —raís actualmente en desuso e que poden supor un risco en materia de circulación e seguridade viaria— e, por outra banda, o soterramento dos que están máis próximo ao bordo marítimo.
“Isto permitiranos dar continuidade ao percorrido do carril runner xa existente na meirande parte do paseo”, indicou Noemí Díaz.
Cómpre indicar que o carril do antigo tranvía —separado da calzada por unhas balizas verticais— carece de uso actualmente e, de feito, xa está a ser empregado habitualmente como percorrido das e dos corredores que pasan polo paseo.
Un carril runner delimitado e conectado entre a Torre e o Millennium
A renovación do firme entre a Torre e o Aquarium Finisterrae, coa conseguinte ampliación e delimitación do carril runner neste treito, tamén marcará un fito simbólico no mapa de infraestruturas da cidade: permitirá unificar o percorrido específico para corredores entre a rotonda da Torre e o obelisco Millennium, xa en Labañou.
Se ben xa se usaba o antigo carril do tranvía como superficie improvisada para a práctica do running, a adecuación desta superficie coa conseguinte sinalización completará o itinerario na súa totalidade, de forma ininterrompida, entre a rotonda da Torre, As Lagoas, Matadoiro, Orzán, Riazor, Escravas, San Roque e, finalmente, o Millennium.
Noemí Díaz lembrou que a creación do carril runner polo paseo deu os seus primeiros pasos no pasado mandato, coincidindo coa pandemia da covid-19 e o levantamento progresivo das restricións sanitarias. “Entón, habilitouse un primeiro treito de 1,7 quilómetros entre as Escravas e o Matadoiro para fomentar a práctica deportiva segura ao aire libre, coido que cun impacto moi positivo para a cidadanía tanto naquel contexto como no posterior, porque permitiu valorar os beneficios deste percorrido deportivo que non tiñamos ata entón”, explicou.
Seis anos despois de ver a luz, aquel proxecto sigue dando pasos firmes para asentarse como un dos novos atractivos do paseo marítimo da Coruña, que o Goberno de Inés Rey está a modernizar por fases, gañando superficie peonil, espazos renovados, equipamentos lúdicos e abrindo camiño, de paso, á ampliación do trazado de carril bici.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.