Afirma que con esta feira a Galicia literaria volve a unha das súas orixes; “porque a nosa literatura terá aquí, en Arxentina, un renacemento cando a escuridade reinaba alá. Arxentina foi unha prolongación de Galicia”, di
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, como unha proba máis “desa ponte indestrutible entre Arxentina e Galicia”. Durante a apertura da 42 edición, que conta con Santiago de Compostela como cidade invitada de honor, e que se celebrou esta tarde, Feijóo aseverou que con esta feira a Galicia literaria volve a unha das súas orixes; “e digo ben –dixo- porque a nosa literatura terá aquí, en Arxentina, un renacemento cando a escuridade reinaba alá”. “Arxentina foi unha prolongación de Galicia”, abundou.
O titular da Xunta incidiu en que cando España estivo sumida na escuridade, os galegos non precisamos recorrer a artificios para preservar as nosas obras máis queridas, “porque nos quedaba a esperanza de América, a esperanza da Arxentina”.
Diante disto, o titular da Xunta afirmou que a palabra que mellor resume o sentimento dos galegos neste acto é ‘gratitude’, “gratitude cara a unha terra que demostrou que a literatura é un arma cargada de futuro”, salientou, parafraseando ao poeta español Gabriel Celaya.
Non obstante, Feijóo aseverou que tampouco pode dicirse que houbese unha literatura refuxiada porque iso sería minusvalorar a calor que sentían os creadores galegos na Arxentina: “O galego nunca se sentiu estranxeiro entre vostedes, e vostedes nunca o viron como alleo”, sentenciou.
Así mesmo, afirmou que esa simbiose entre as letras arxentinas e as galegas produce un intercambio frutífero para ambas as dúas, “xa que cando se produce o encontro –recordou-, a literatura arxentina representa a vangarda, o ímpeto, a creatividade; e a fusión do tradicional co moderno dará lugar a unhas consecuencias no mundo das letras que felizmente aínda perduran”.
Logo de recordar algúns dos nomes que axudan a entender esa ponte feita de libros e palabras que une a Arxentina e Galicia, e que é transitada nas dúas direccións, como Castelao, Vicente Risco, Xosé Neira Vilas, Camilo José Cela ou Francisco Luís Bernárdez e Roberto Arlt…, entre outros moitos; Feijóo destacou que a escollida selección de escritores, editores e institucións culturais de Galicia presentes nesta feira, é unha pequena mostra dun gran país.
“Traen a esta capital da cultura que é Bos Aires, o latido dunha literatura en constante innovación que reflicte as correntes máis actuais e ao tempo achegan a nosa peculiar visión do mundo. Todos estes creadores fan posible que Galicia estea no mundo, e o mundo estea en Galicia. Cultivando xéneros diferentes e con estilos variados, son fieis á idea de que a principal forza da nosa terra reside na palabra”, explicou, facendo fincapé en que “a palabra foi o noso refuxio e é agora a nosa bandeira”.