— A conselleira lembra que se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% na achega do Goberno galego a este servizo de competencia municipal
— Pon en valor o impacto que terá este aumento da achega ao SAF nos concellos, que poderán mellorar os servizos sociais que ofrecen
— Denuncia que, a día de hoxe, o Goberno galego non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas con dependencia que a teñen solicitada por culpa de dito recurso
— Tras a reunión co rexedor, Fabiola García asistiu á Feira da Filloa, un evento enmarcado na XLIII Festa da Filloa de Lestedo
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o domicilio de dúas persoas dependentes de Boqueixón para avaliar o impacto que terá o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento a achega a este servizo, que permitirá que os concellos poidan mellorar a súa prestación. Durante o acto, estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro e polo director xeral do gabinete técnico da Presidencia, Emilio de la Iglesia.
Neste sentido, a conselleira explicou que “se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% da achega do Goberno galego” a este servizo que é de competencia municipal. En concreto, explicou que no caso do concello de Boqueixón, o incremento ao longo destes tres anos será de case máis de 425.000 euros, o que lle suporá, recalcou, un importante aforro nas arcas municipais, ao tempo que segue blindando a súa ratio de atención, que se sitúa no 98%, sendo unha das máis elevadas da súa contorna.
Deste xeito, Fabiola García sinalou que “coas cifras na man vemos o beneficioso que será este acordo para os concellos galegos” e que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, sobre todo, con todos os dependentes galegos. Por iso, insistiu en que “é unha mágoa, que mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Goberno central siga sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do financiamento; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende a 2.900 millóns de euros.
Por outra parte, a conselleira tamén denunciou que o Goberno central paralizou o plan de choque da dependencia e da discapacidade da Xunta por un afán puramente recadatorio. Así, explicou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€, causando un importante dano a todos os galegos. Neste sentido, denunciou que, a día de hoxe, o Goberno galego non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas con dependencia que a teñen solicitada por culpa de dito recurso.
Festa da Filloa de Lestedo
Tras a reunión, a conselleira de Política Social e Igualdade asistiu á Feira da Filloa, un evento enmarcado na XLIII Festa da Filloa de Lestedo, recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.