As poetas Dimitra Christodoulou e Carmen Villar Alonso protagonizarán este encontro literario dirixido por Yolanda Castaño
O ciclo Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello e dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, volve este luns 16 de febreiro ao auditorio do Centro Sociocultural Ágora (20.00 horas), cun novo recital de poesía, que continuarán ata o mes de xuño.
“O Concello promove este ciclo de excelencia, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e que enche os espazos municipais co mellor da cultura”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Nesta ocasión, as letras que se recitarán no auditorio chegarán de Grecia e da migración galega en Suíza, con Dimitra Christodoulou e Carmen Villar Alonso. A cita do vindeiro luns dalle continuidade a un ciclo que trouxo á Coruña o pasado mes de xaneiro ao premio Nobel africano Wole Soyinka, a quen a alcaldesa, Inés Rey, puxo como exemplo de compromiso e liberdade de expresión, e que encheu de público o auditorio do Ágora.
Dimitra Christodoulou naceu en Atenas, estudou Dereito e Filoloxía e traballou ata a súa xubilación como profesora de ensino secundario público. Como poeta que a crítica sitúa na chamada Xeración dos 70 grega, publicou 17 libros de poesía. Tras unha ópera prima en 1974 e unha presenza sostida ao longo das décadas, o seu libro Xusto antes (2005) foi candidato ao Premio Nacional de Poesía de Grecia 2006, galardón que logo acadaría en 2008 polo poemario Limos [Fame]. O pan mínimo da conciencia (2014) gañou o Premio de Poesía 2015 da revista literaria dixital O Anagnóstis [O lector] e máis tarde Vinte e catro golpes e silencio (2019) resultaría finalista do mesmo; Asentamento costeiro (2017) recibiu o Premio Jean Moréas ao mellor poemario publicado en Grecia nese ano.
Membro da Sociedade Grega de Autores/as e traducida como poeta a diversas linguas, publicou tamén un volume de textos en prosa, así como libros de traducións da poesía lírica e dramática da Grecia antiga.
Carmen Villar Alonso (Zürich) Filla da emigración, neta da Raia. É xornalista, escritora e fotógrafa. Como xornalista desenvolve a súa carreira en Faro de Vigo, onde ten a columna de opinión Que din as rumorosas?, finalista do XXII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego en 2025. Un dos seus artigos mereceu o IV Premio Xoán Vicente Viqueira.
Dende 2018 desenvolve o seu segundo proxecto fotopoético diario nas redes sociais dando continuidade a Os mil e un días, escolma desa singradura e o seu primeiro libro individual publicado en Xerais en 2023. Como integrante das Comadres das Letras asina Contármonos (2023) e Cereixas roubadas (2025).
Os seus poemas, relatos e pezas de teatro aparecen en revistas como Dorna, Quiasmo ou Palavra comum, ademais de noutras publicacións como Nativ@s, no que se inclúe íntegro o seu fotopoemario E na Arcadia xea.
A sesión deste luns 16 no Ágora comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. Tamén será posible seguila a través da canle oficial de Youtube de Poetas Di(n)versos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.