Tuesday 17 de February de 2026

O Partido Popular de Oleiros pide criterios técnicos homoxéneos na protección das vistas e a paisaxe


O Partido Popular de Oleiros considera necesario realizar unha análise rigorosa sobre a aplicación dos criterios de protección da paisaxe e das vistas no municipio por parte do goberno local presidido por #Ángel García Seoane.
A portavoz do Grupo Municipal Popular, Loli Silva, sinala que “a preservación da paisaxe é un obxectivo lexítimo e compartido, especialmente nun municipio como Oleiros, cuxo valor ambiental e visual é un dos seus principais activos. Pero precisamente por iso, os criterios deben ser claros, homoxéneos e aplicarse por igual en todo o termo municipal”.
Desde o Partido Popular lémbrase que existen edificacións que foron autorizadas e cuxa implantación ten unha incidencia directa en elementos paisaxísticos relevantes. É o caso do hotel Noa Boutique, cuxa volumetría quítalle visibilidade ao Castillo de Santa Cruz e resta luz ao núcleo urbano de Santa Cruz, alterando a percepción visual dun dos enclaves máis emblemáticos do municipio.
Tamén o denominado Edificio Copigal, situado xunto ao Puente da Pasaxe, cuxa localización xera un impacto visual nesa contorna estratéxica -cuxa licencia para a construción foi outorgada polo propio concello de Oleiros- e que, ademais, condiciona actualmente calquera posible ampliación ou mellora estrutural da propia ponte.
“Nestes casos non se considerou que existise unha afección paisaxística incompatible coa protección da contorna”, apunta Loli Silva.
Con todo, noutras actuacións o criterio paisaxístico foi determinante para impedir ou reverter edificacións. Así ocorreu coa demolición de tres chalés na zona de Bastiagueiro, ao entenderse que afectaban ás vistas e non resultaban consonantes coa paisaxe. Así mesmo, o edificio de varias plantas en Mera, cuxa licenza foi concedida no pasado conforme ao marco normativo vixente nese momento, é hoxe sinalado como unha construción que “estorba” por razóns paisaxísticas e de integración na entrada da localidade.
A portavoz popular subliña que “resulta rechamante que unha edificación axustada a licenza poida ser cuestionada anos despois por motivos visuais, mentres que outras actuacións de notable incidencia non foron consideradas problemáticas no seu momento”.
Para a representante do Partido Popular, a cuestión non é debater caso por caso, senón garantir que exista unha metodoloxía obxectiva e uniforme para avaliar o impacto visual e paisaxístico de calquera proxecto. “A seguridade xurídica e a confianza dos veciños esixen que as regras sexan iguais para todos e que a protección da paisaxe non dependa de interpretacións variables”, conclúe Loli Silva.

Deja un comentario