O Festival de Entroido de Lousame foi un dos máis concorridos que se recordan. As novidades desta edición, comezando polo adianto do festival ao sábado e seguindo pola recuperación do Desfile de Disfraces e o sorteo de agasallos fixeron que o Concello de Lousame tivera que colgar o cartel de “non hai billetes” cinco días antes da celebración.
Porque preto de setecentas persoas participaron no festival, que se desenvolveu entre as 18:00 e ben pasadas as 21:00 horas, momento no que o alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, fixeron entrega dos tres vales por 300, 200 e 100 euros en material deportivo sorteados entre as case noventa persoas participantes no Desfile de Disfraces.
A tarde arrincou moi animada coa música rock de Pakolas, que durante algo máis dunha hora presentou á rapazada o seu espectáculo “A Ramona pequena vai á lúa”, rematando coa interpretación dalgúns dos seus temas máis populares. O propio Pakolas lanzou un foguete para que abriran as súas portas os inchables e a degustación gratuíta de filloas e orellas, elaboradas por cinco cociñeiras lousamiás. O alcalde quixo poñer en valor a colaboración amosada por estas cociñeiras ao longo dos últimos anos entregándolles cadanseu agasallo.
Mentres tanto, o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra era unha gran festa, cunha zona de música coa rapazada xogando e correndo; unha zona central con catro grandes inchables; e unha terceira área onde se podían recoller as orellas e as filloas, ou tamén mercar chocolate con churros nun posto da Churrería Rafa. Mentres tanto, os máis maiores ateigaban o graderío do pavillón, degustando os doces, parolando e desfrutando dos xogos de cartas do mago Charly Braun, quen presentou o Desfile de Disfraces no que tomaron parte case noventa persoas.
Xunto ao alcalde e a concelleira de Cultura, tamén asistiron e colaboraron no reparto de filloas e orellas os concelleiros de Protección Civil, José Antonio Ces; e Deportes, Mariel Agrafojo. Todos eles coincidiron en agradecer a colaboración do persoal municipal e do voluntariado local na celebración deste Festival de Entroido.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.