Friday 22 de November de 2024

Urbanismo asegura que as explotacións existentes en solo rústico e núcleo rural poderán manter a súa actividade


A secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, explicou en comisión parlamentaria os artigos da nova Lei do Solo que se refiren ás explotacións agrogandeiras

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, incidiu en que as explotacións gandeiras existentes en solo rústico e núcleo rural poderán manter a súa actividade coa entrada en vigor da nova Lei do Solo.
Polo que respecta ás posibilidades de ampliación desas explotacións existentes, establécese que para as emprazadas no solo rústico rexe o previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 20/2016, que permite incrementar nun 50% o volume construído orixinario, sen necesidade de cumprir os parámetros relativos ás condicións de edificación que se regulan no artigo 39 da Lei do solo, agás o límite da altura.
No caso das explotacións existentes no solo de núcleo rural, será o concello, na súa competencia exclusiva para a formulación do planeamento, o que determine as condicións de ampliación.

Neste sentido, Encarna Rivas recalcou que todos os núcleos rurais están regulados por un instrumento de ordenación, xa sexa un PXOM, normas subsidiarias ou delimitacións de usos de solo. Polo tanto, “en todos os casos hai ferramentas de ordenación aos que cinguirse, aínda naqueles casos nos que non haxa en vigor un Plan Xeral”, dado que si non hai un instrumento de planeamento municipal que delimite e ordene o núcleo, legalmente non concorre tal clasificación, polo que se considerará solo rústico e será de aplicación a disposición transitoria 4 da Lei do Solo.