Tuesday 17 de February de 2026

O alcalde Paco Charlín mantén unha reunión de traballo co presidente da Xunta para impulsar proxectos estratéxicos en Laxe


•A senda xa concedida por máis de 900.000 euros e novas iniciativas en colaboración coas consellerías centraron o encontro institucional

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, mantivo esta semana unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, co obxectivo de avanzar en distintos proxectos clave para o presente e futuro do municipio.

Durante o encontro, celebrado nun clima de colaboración institucional, abordouse de maneira prioritaria a execución da senda xa concedida ao Concello de Laxe, cun investimento superior aos 900.000 euros, unha actuación estratéxica que permitirá mellorar a mobilidade peonil, reforzar a seguridade viaria e seguir apostando por espazos públicos máis accesibles e sostibles.

O alcalde trasladou ao presidente a importancia desta infraestrutura para o desenvolvemento local, tanto desde o punto de vista da seguridade como da dinamización turística e da posta en valor do territorio.

Ademais, na reunión analizáronse futuros proxectos que o rexedor xa vén traballando coas distintas consellerías da Xunta, orientados á mellora de servizos, infraestruturas e oportunidades para a veciñanza de Laxe. O obxectivo común é continuar fortalecendo a colaboración entre administracións para que o municipio siga avanzando con estabilidade e planificación.

Paco Charlín destacou a boa sintonía institucional e agradeceu a disposición do presidente da Xunta para escoitar as necesidades de Laxe e seguir impulsando iniciativas que redunden no benestar da veciñanza.

Deja un comentario