Ademais da noticia relativa á programación de Entroido que aínda falta por se celebrar, tamén van algunhas imaxes dos rebordamentos do Xubia ao seu paso por San Sadurniño. Por esta razón, o Concello tivo que cortar o tráfico na pista da depuradora municipal que enlaza a AC-862 en Cornide coa AC-115 na Portela.
Tamén se recomendou circular con precaución nas pistas máis próximas ao río situadas nas veigas de Ferreira e Lamas, así como na zona industrial da Bidueda, onde a auga cubriu arredor de 50 metros da estrada DP-7601 e outros 25 da pista municipal que sobe á Penamoura.
A auga chegou, como ocorre habitualmente nestas situacións, ao Muíño do Pepe, situado a escasos metros da ponte sobre o Xubia, a unha das vivendas do Casal -a primeira en sentido Ortigueira antes de chegar ao centro urbano de San Sadurniño- e tamén avanzou polo paseo fluvial, o arboreto de especies autóctonas e a Fraga Máxica da Cortiña.
O río Castro, en Naraío, tamén se botou fóra do seu leito, aínda que sen provocar ningunha incidencia na rede viaria de San Sadurniño. Ademais, un dos regatos de Bardaos tamén cubriu parte da pista que conecta a Sanguiñeira coa igraxa parroquial.
As fotos (César Galdo) son do paso cortado na pista cortada entre Cornide e A Portela, da zona de veiga do Xubia xusto antes de entrar no núcleo de San Sadurniño en sentido Ortigueira, da zona de lecer da Cortiña e, por último, da estrada DP-7601 ao seu paso pola Bidueda (a serie do camión vermello).
Aínda queda moita festa…
O carnaval en San Sadurniño aínda non dixo todo o que tiña que dicir. Este martes, Martes de Entroido, é festivo local no noso concello e seguramente haxa casas -cada vez menos, por desgraza- onde aínda celebren o día cun xantar contundente culminado con orellas e freixós na compaña de parentes e dalgunha que outra máscara espontánea que se sume á leria. E aínda que o carnaval remate oficialmente o mércores -o xoves xa estaremos nos rigores da Coresma- este sábado 21 será unha xorna intensa en canto a troula. E é que Bardaos celebrará un cocido de Entroido con sesión vermú e tardeo, mentres que en Naraío haberá festa de máscaras para a rapazada e tamén baile nocturno. A Casa da Cultura completará a tarde co espectáculo de ciencia e humor “H2…Oh!” dos Ghazafelhos, pensado para todos os públicos. O calendario entroideiro pecharase o sábado 28 en Santa Mariña do Monte cun cocido e baile de disfraces con premios.
A primeira das citas deste sábado terá lugar en Bardaos, onde a Comisión de Festas Santa María e o San Pipote organiza un cocido de Entroido que se servirá ás 15:00h. O menú inclúe sopa, cocido completo, orellas, torta larpeira, bebida, café e un licor, cun prezo de 35€ para persoas adultas e maiores de 12 anos, 20€ para a rapazada de 6 a 11 anos e de balde para nenos e nenas menores de 6 anos.
A xornada en Bardaos non remata coa comida, xa que o programa tamén trae música trala sobremesa. A partir das 17:30h haberá e tardeo con entrada aberta animado polo dúo The Voice, formado por Santi Pulido e Néstor Peña, que tamén botarán unhas “piezas” a xeito de sesión vermú mentres a xente vai chegando para xantar.
Para asistir ao cocido é preciso anotarse chamando aos teléfonos 618 903 612, 646 287 494, 626 457 182 ou 603 818 233. Aínda que o prazo para reservar rematou onte, aínda se pode probar sorte por se quedase algún sitio libre.
Tamén o sábado, pero xa pola tarde, a Asociación veciñal O Castelo de Narahío organiza unha festa de máscaras para a rapazada no local social da Veiga. A actividade comezará ás 17:30h e estará animada con música e xogos pola empresa Noliños As Pontes.
A programación cultural do día completarase ás 18:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño, que acollerá o espectáculo de Teatro Ghazafelhos “H2…Oh!”. Trátase dunha proposta chea de curiosidades científicas e humor baseada no libro homónimo de María Canosa, gañador do Premio Follas Novas 2021 á mellor publicación de divulgación. A obra está protagonizada pola propia autora como divulgadora científica e polo matrimonio Curie (Montse Piñón e Pepablo Patiño), combinando información ben curiosa, experimentos e a colaboración do público. A función, recomendada para nenas e nenos de 6 anos en diante, é con entrada gratuíta e os convites poden reservarse en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.
Xa pola noite, Naraío volverá ser escenario de festa coa entroidada organizada pola AVV O Castelo de Narahío, prevista arredor das 22:30h. Será, como vén sendo habitual, un baile de máscaras que nesta ocasión contará coa música da solista Mery, quen estirará celebración ata ben entrada a madrugada.
O Entroido no concello despedirase o sábado 28 de febreiro coa proposta da Asociación veciñal de Santa Mariña do Monte, que celebrará no local social un xantar a base de cocido. O prezo será de 30€ para persoas socias, 35€ para non socias e de balde para a rapazada menor de 15 anos. A xornada comezará cunha sesión vermú ás 13:00h amenizada polo Dúo Caramelo e, pola tarde, despois do xantar, haberá baile de disfraces con premios para as mellores máscaras. Para participar no cocido é necesario anotarse antes do 23 de febreiro nos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.