Aínda que a meteoroloxía quixo ser a protagonista da xornada, as gañas de Entroido e de festa da veciñanza impuxéronse a unha chuvia continua e intensa durante toda a xornada. Algo que agradeceron especialmente dende a Comisión de Festas de Lamas (Sergude), con mención especial para as persoas que percorreron a parroquia durante a mañá formando parte dos Correos, Xenerais e Comparsas cos seus cantos de taberna e acompañados polo grupo local “Son de Gaita”.
Unha meteoroloxía que tamén complicou o acceso ao campo da festa, onde a gran carpa instalada volveu encherse un ano máis coa música da Parranda e os Coros do Entroido, que deron paso aos Atranques dos Xenerais da Ulla. Uns atranques moi aplaudidos polos presentes e onde o bo humor estivo presente en todos os temas tratados, dende os problemas que houbo o ano pasado coa comisión de festas ata cuestións municipais, con especiais referencias ao plan de sendas do Concello de Boqueixón.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.