A operación é o maior pelotazo urbanístico na historia da Coruña
Os veciños e veciñas de Monte Mero seguen a denunciar o abandono que están a sufrir por parte do Concello da Coruña. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Vivenda, conta co visto e prace da corporación municipal para pisotear o seus lexítimos dereitos.
O Concello da Coruña renunciou a executar a urbanización Monte Mero, que afecta a terreos de Eirís e Pedralonga, o que permitiría aos propietarios participar na xunta de compensación e no reparto de cargas e beneficios. Isto é o que se adoita facer mais, a renuncia do Concello bríndalle á Xunta a execución da urbanización a través do sistema de expropiación. Desta maneira as propiedades dos veciños e veciñas afectados serán pagadas como solo rústico, onde despois se levantarán máis de 4.000 vivendas; das que 800 serán de prezo libre e con cuxa venda, a Xunta de Galicia estaría a pagar os gastos de urbanización e custes de expropiación, obtendo ademais o solo gratis para o resto das vivendas.
A expropiación efectuada como solo rústico non chega aos 15 euros por metro cadrado cando o aproveitamento é de metro cadrado por metro cadrado. En cambio, por poñer o exemplo de Oleiros, cun aproveitamento só do 40 %, cunha xunta de compensación o prezo do metro cadrado que percibirían os propietarios sería aproximadamente de 300 euros por metro cadrado. “Trátase dunha diferencia abismal”, manifesta o Presidente de Alternativa dos Veciños.
Alternativa dos Veciños brindoulle información a aqueles veciños/as que que se achegaron ao Concello de Oleiros solicitando asesoramento: “De urbanismo sabemos un intre longo e tamén lles orientamos con consultorías que hai de avogados especializados nestes temas. Os veciños teñen que actuar, teñen que defenderse con recursos contenciosos”, manifestou García Seoane.
Alternativa dos Veciños lamenta que a corporación en pleno do Concello da Coruña estea dando as costas á veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.