• Levarase a cabo a roza da vexetación existente e limpeza da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que suministra a auga, a instalación e a repicaxe dos muros de mampostería de granito que se rexuntan de novo con morteiro de cal
• Estas actuacións permitirán poñer en valor un lavadoiro cunha situación xeográfica excepcional, que o converten nun lugar con vistas privilexiadas sobre a Ría de Arousa e o Atlántico
O Concello de Ribeira anunciou a adxudicación para levar a cabo o proxecto para a restauración e a posta en valor do lavadoiro de A Penisqueira, situado na parroquia de Aguiño.
En concreto, o executivo local destinará 48.198,54 euros co obxectivo de terminar co estado deteriorado no que se atopa o lavadoiro, debido ao propio paso do tempo e ao dano que lle causa a acción do mar e demais efectos climatolóxicos aos que está sometido.
Para iso, levarase a cabo a roza da vexetación existente e limpeza da contorna, a renovación do conxunto de canalizacións que suministra a auga, a instalación e a repicaxe dos muros de mampostería de granito que se rexuntan de novo con morteiro de cal.
Así mesmo, procederase á formación de fondo de lavadoiro e estanque con morteiro de cal hidrófugo, tras repenicar o morteiro existente. O proxecto prevé tamén o la rehabilitación manual das pezas do lavadoiro deterioradas e disgregadas pola erosión, incluíndo a reposición dos elementos rotos.
Proxectarase tamén a execución dunha zona de miradoiro, mediante a instalación dunha pequena bancada de pedra. Por último, a zona será accesible desde o camiño público lindeiro e habilitarase tamén un carreiro cara ao lavadoiro con pavimento de pezas de granito silvestre.
Situación xeográfica excepcional
Estas actuacións permitirán poñer en valor un lavadoiro cunha situación xeográfica excepcional, que o converten nun lugar con vistas privilexiadas sobre a Ría de Arousa e o Atlántico.
Ademais, este conxunto destaca pola integración da súa construción na roca sobre a que se asinta, parecendo emerxer dela porque, ademais de estar construído en pedra, a cota superior do muro perimetral coincide coa cota de acceso, situando ao lavadoiro por baixo do camiño principal, de forma que pasa desapercibido para os paseantes, pero non para os navegantes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.