Tamén foron aprobados os procedementos e datas de renovación e admisión e matrícula nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, das Fontiñas e de Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2026- 2027.
O prazo de presentación de solicitudes de renovación de praza e traslado do alumnado actual será do 2 ao 9 de marzo. A continuación, do 13 de marzo ao 6 de abril estará aberto o prazo de solicitudes de novo ingreso. A relación provisional de admisións publicarase na páxina web municipal e no taboleiro das escolas infantís municipais entre o 28 e o 30 de abril e a listaxe definitiva, entre o 18 e o 22 de maio.
Por outra banda, prorrogáronse dous contratos, por un prazo de seis meses: o servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais subscrito coa empresa Saniastur e o servizo de conserxería e limpeza en varias instalacións deportivas do Concello subscrito coa empresa Lacera Servicios y Mantenimientos SA.
Licenzas urbanísticas
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ás seguintes licenzas urbanísticas:
– Reforma da cuberta dunha vivenda familiar na rúa do Pico Sacro.
– Rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa da Canteira de Arriba.
– Cambio de uso de local a vivenda na praza da Nosa Señora da Mercé, 5-6
– Actuación na fachada e nas cubertas do edificio situado no número 28 da rúa do Pexigo de Abaixo.
– Obras de conservación e mantemento do edificio situado na rúa da República do Salvador, 3.
Servizo de lavado de vehículos da Policía Local
Nos puntos relativos á contratación, a Xunta de Goberno aprobou o expediente relativo ao servizo de lavado de vehículos da Policía Local, cun gasto máximo autorizado de 13.409,22 € (IVE incluído) a razón de 6.704,61 para 2026 e outro tanto para 2027. Este contrato licitarase por procedemento aberto simplificado.
Tamén se aprobou licitar polo mesmo procedemento aberto simplificado o contrato dun servizo de esterilización de gatos de colonias urbanas, de Compostela cun orzamento máximo autorizado de 14.999,99 € (IVE incluído) para o prazo dun ano.
Así mesmo, adxudicóuselle o servizo de mantemento do software de xestión integral de persoas usuarias de Servizos Sociais (XIESS) á empresa IMATIA INNOVATION SL, por un importe de 66.598,40 € e un prazo de dous anos.
Subvencións
Na sesión e hoxe aprobouse tamén solicitarlle cadansúa subvención á Deputación da Coruña para o funcionamento de varios centros socioculturais do ámbito rural e tamén para o do Ensanche.
O gasto que se xustifica no programa de actividades dos centros rurais ascende a 150.000 euros e a axuda solicitada de 75.000 euros.
Para o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche aprobouse unha solicitude de 140.042,13 € dun total de 226.821,76 € de gastos.
Míriam Louzao lembrou que “a achega do rural vense mantendo desde que a Deputación da Coruña, no ano 2000, dentro do Programa de construción ou adquisición de equipamentos de locais para asociacións de veciños de Concellos de máis de 50.000 habitantes, acordou dotar as instalacións de varias parroquias -A Gracia, A Barciela, A Peregrina, Aríns, Bando, Busto, Cesar, A Enfesta, O Eixo-Bornais, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Marantes, Marrozos, Nemenzo, Santa Cristina de Fecha, San Xulián do Carballal, Verdía e Villestro- e contribuír ao seu funcionamento”.
A axuda para o Centro Sociocultural do Ensanche ten a súa orixe nun acordo de 2006 mediante o cal a Deputación da Coruña cedeu ao Concello a xestión deste local.
Áreas de rehabilitación
Como resultado da liquidación dos acordos para as áreas de rehabilitación correspondentes ao Plan estatal de vivenda 2013-2016, a Xunta de Goberno autorizou a devolución ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) das cantidades sobrantes, procedentes de desviacións de financiamento positivo a respecto dos importes xustificados polas persoas beneficiarias. O importe total da devolución é de 789.321,80 euros, dos cales 629.171,42 euros corresponden ao Ministerio de Vivenda e 160.150,38 euros, á Xunta de Galicia.
O Concello de Santiago conta con catro áreas de rehabilitación integral (ARI): Cidade Histórica, Vista Alegre, Pontepedriña e Vite. O Real decreto 233/2013 polo que se aproba o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016 (PV2013-16) tiña unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2016 e foi prorrogado sucesivamente ata o 31 de decembro de 2022.
O Plan desenvolveuse mediante acordos da Comisión Bilateral de Seguimento formada polo Ministerio de Fomento e as comunidades autónomas, coa participación dos concellos.
O Concello de Santiago asinou varios destes acordos, que incluíron fondos para rehabilitación de edificios, urbanización do espazo público nas ARI e equipo técnico municipal para a súa xestión.
Para lles dar cumprimento aprobou e publicou varias convocatorias de subvencións, por unha suma total de algo máis de 3,9 millóns de euros, destinadas a edificios residenciais.
As solicitudes presentadas afectaban a 398 vivendas en total: 70 na Cidade Histórica, 236 en Vista Alegre, 12 en Pontepedriña e 80 en Vite.
Adxudicáronse axudas por valor de 2.265.698,77 euros e xustificáronse 1.229.590 euros.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.