As choqueiras Bego e Isa e os Kilomberos de Monte Alto recibirán sendos recoñecementos na rúa San Xosé e no Andar do Antroido
O Martes de Antroido e o Enterro da Sardiña pecharán este martes 17 e mércores 18 a programación municipal do Antroido coruñés, que se ven celebrando con diferentes actos desde o pasado sábado 7 de febreiro. “O Goberno de Inés Rey impulsa estes festexos, tan característicos da nosa cidade e que cada ano suman novas iniciativas que os poñen en valor”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Sen dúbida, o dia forte dos festexos será este Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde terán lugar os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos.
Nestes concursos, como sempre, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira presencial o propio martes. Ambos concursos contarán coa alcaldesa, Inés Rey, como presidenta do xurado. Haberá, ademais, unha actuación musical de Chekan para pechar a xornada na rúa da Torre.
Ademais, haberá unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos, que require dunha reserva previa tanto para o Aquarium como para as sesións programadas no Planetario da Casa das Ciencias e o espazo MiniDomus da Domus. O acceso á Domus e á Casa das Ciencias será libre, sen reserva. Haberá, por outra banda, un punto violeta con información ante posibles condutas machistas o martes 4 de marzo na rúa da Torre, á altura da Escola Municipal de Música, en horario de 19.30 a 0.00 horas. Haberá unha carpa fixa e tamén persoal itinerante.
Tamén o martes de Antroido Bego e Isa, que foron recibidas pola alcaldesa, Inés Rey, en María Pita, serán protagonistas coa colocación da súa placa de choqueiras do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Como todos os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Cantero, Canzobre ou Palau. Por outra banda, este ano os Kilomberos de Monte Alto será a comparsa homenaxeada no Andar do Antroido, coa colocación da súa lousa ás 14.30 horas.
O Antroido coruñés rematará este mércores 5 de marzo co desfile do Enterro da Sardiña, que partirá do Circo de Artesáns e chegará á praia de San Amaro. A programación completa do Antroido coruñés pódese consultar aquí.
Dispositivo de seguridade
Por outra banda, durante toda a xornada deste Martes de Antroido haberá un dispositivo especial de seguridade integrado por máis de 70 efectivos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. As alteracións e cortes de tráfico nas rúas lindeiras comezarán a partir das 15.30 horas. Afectarán á rúa da Torre (cortada desde a avenida de Hércules ata a praza de España), Miguel Servet, San Vicente de Paul, Curros Enríquez (en dirección á rúa da Torre desde a sede da Cruz Vermella), Marconi, Travesía da Torre, San Xosé, San Xoán, Panadeiras (acceso desde a praza de España) e Baltasar Pardal Vidal. O dispositivo especial de Tráfico finalizará ás 00.00 horas, á conclusión dos festexos.
Todas as afeccións e incidencias previstas para este Martes de Antroido pódense consultar nesta páxina web.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.