A cita é o martes 17, con animación na praza do Concello a partir das 18.00 horas e a saída do cortexo fúnebre a partir das 19.00 horas
Carballo despide o Entroido o martes 17 de febreiro co xa tradicional Enterro da Sardiña. A cita comeza ás 18.00 horas con animación na Praza do Concello a cargo de Asacocirco, unha compañía que leva desde 2007 levando a súa arte ás rúas, prazas, carpas e auditorios. En Carballo, encherán a tarde con zancudos, músicos, malabaristas, personaxes fascinantes e moito circo. Ademais, a partir das 18.30 horas haberá música coa Charanga Santa Compaña, formada por un grupo de músicos que decidiron xuntarse en 2014 con moitas gañas de facer chegar a súa alegría a todos os recunchos da xeografía galega.
Xa a partir das 19.00 horas na Praza do Concello arrinca o enterro propiamente dito, coa intervención da Aula de Teatro Municipal de Carballo que dirixe Galeatro, unha compañía teatral especializada no público familiar nacida en 2015. A continuación a comitiva do cortexo fúnebre sairá da Praza do Concello, pasando polas rúas Coruña e Hórreo ata a Praza de Galicia, para continuar pola rúa Fomento ata chegar ao Parque do Anllóns, onde a sardiña acaba no río. Despois de despedila, as e os asistentes poderán degustar viño e dóces de Entroido. Animamos a todas as veciñas e veciños a participar nesta divertida cita que cada ano saca o lado máis irreverente do Entroido e a disfrazarse de viúvos e viúvas para acompañar este fin de festa.
Colaboran na cita a agrupación Coro Vagalume e os servizos municipais de Policía Local e Protección Civil, así como a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.