A competición, que admite inscricións ata o vindeiro luns 25, ten aínda algunha praza libre
A cuarta edición do Torneo F-9 de Fútbol Base Lousame presentouse esta tarde cunha aposta renovada pola súa condición de encontro social arredor do deporte. A competición, que terá lugar os días 30 de abril e 1 de maio, está organizada pola Agrupación Deportiva F8 Lousame, a Federación Galega de Fútbol e o Concello de Lousame, co apoio do Banco Mediolanum. No acto de presentación participaron a concelleira de Deportes, María Reguenjo, a responsable do Banco Mediolanum en Galicia, Ivonne Pousa, o consultor financeiro desta entidade no Barbanza, Óscar Pardal, e Néstor Romero, técnico municipal de Deportes.
María Reguenjo explicou que este torneo parte “da enorme importancia que o Concello de Lousame lle dá ao deporte de base”. Por iso, planificáronse as dúas xornadas como “un día en familia no que os nenos e nenas poidan xogar e os pais e nais estean acompañándoos e coñecendo xente doutros lugares”. Os responsables de Mediolanum fixeron fincapé na súa vontade de patrocinar sempre eventos locais, de proximidade, e amosaron a súa satisfacción por “poder repetir este ano, e ogallá que nos vindeiros, pola gran repercusión que obtivo o ano pasado e o grata que resultou a experiencia”, en palabras de Óscar Pardal.
O torneo xogarase no campo de fútbol de Cabanetán (Lesende). O sábado 30 será o día da categoría prebenxamín e o domingo 1 competirán as categorías benxamín e alevín. Cada categoría admite un máximo de dezaseis equipos. Aínda queda algunha praza dispoñible, se ben o prazo para inscribirse, de balde, remata o vindeiro luns 25 de abril. As anotacións poden efectuarse nos teléfonos 620 859 345, 657 014 755 ou 636 485 137.
O técnico municipal de deportes, Néstor Romero, manifestou que “xa están confirmados máis de trinta equipos e a maioría repiten con respecto a outros anos, algo que nos parece positivo porque quedaron moi contentos doutros anos”. Á vez, incorpóranse algúns novos, o que concorda coa vontade de que o torneo siga medrando e atraendo clubes da comarca e doutros puntos de Galicia.
O torneo, cunha estrutura que facilita que cada equipo xogue cando menos tres partidos, incluirá sorteos de material deportivo, xogos infantís inchables, actividades paralelas para os pequenos e os maiores, e un servizo de cafetería.