• O Concello organiza o seu tradicional concurso de disfraces, que como novidade inclúe un accésit a aqueles grupos e comparsas formados, como mínimo, por un 50% de veciños e veciñas empadroados no municipio.
O espírito do Entroido invadirá Abegondo este domingo, 15 de febreiro. O Concello xa ten todo preparado para celebrar un evento que cada ano reúne por centos de veciños de todas as idades.
O programa incluirá propostas para todos os públicos cun fío condutor: a tradición, a animación e a diversión. Haberá concurso de disfraces, desfile, talleres e inchables para os máis pequenos e unha actuación musical a cargo de Carlos Manteiga.
A xornada comezará desde as 17.00 horas mentres que ás 18.30 horas terá lugar o tradicional desfile de Entroido, que encherá o municipio de cor, creatividade e ambiente festivo. No concurso de disfraces repartiranse distintos premios.
Dividirase en catro categorías: individual ou por parellas, en grupo, comparsas e premio especial á orixinalidade. Na modalidade individual/parellas, haberá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros.
Doutra banda, no apartado de grupos concederanse un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. No caso das comparsas, os galardóns serán de 800 euros, 500 euros e 300 euros, respectivamente.
En canto ao premio especial á orixinalidade, este galardón será de 100 euros.
Como novidade nesta edición, e co fin de fomentar a participación veciñal, o Concello outorgará un accésit a aqueles grupos ou comparsas formados por, polo menos, un 50% de veciños e veciñas empadroados no municipio de Abegondo. Este recoñecemento consistirá en 50 euros para os grupos e 100 euros para as comparsas.
Así mesmo, como todos os anos, as persoas empadroadas que acudan disfrazadas e estean previamente rexistradas recibirán un obsequio por parte do Concello.
O prazo de inscrición estará dispoñible ata o propio domingo in situ
Ademais, durante a tarde, a nenos e nenas poderá gozar de talleres e de inchables. O músico Carlos Manteiga será o encargado de poñer o broche final ao Entroido con música de actualidade.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.